O Asus Eee sairá en distintas versións despois do verán

venres, 17 de agosto do 2007 Marcus Fernández

Asus está a preparar un novo ordenador ultraportátil que tería que saír durante o verán, pero que se demorará ata finais de setembro, destaca especialmente polo seu prezo, de xeito que veñen de anunciar que as versións que se venderán nos EE.UU. terán prezos de entre 199 e 399 dólares, de xeito que podería ser unha boa alternativa para os usuarios que precisen dun segundo equipo para levar a todas partes.
O Asus Eee, do que xa falamos antes do verán, terá unha versión básica a 199 dólares que terá unha pantalla de 7 polgadas, mentres que a versión de 10 polgadas custará 299 dólares, variando os prezos deste modelos segundo a capacidade da súa batería (que permitirían unha autonomía de ata 5 horas de uso) ou do seu disco duro baseado en memoria de estado sólido (que reduce o seu consumo e permite arrancar o equipo nuns 15 segundos).
Estes novos equipos funcionarán tanto con Linux coma con Windows XP, pesan só 890 gramos e, aínda que as primeiras unidades comecen a venderse a finais de outono, os distintos modelos irán saíndo durante os seguintes meses, podendo demorarse ata mediados de 2008 algúns dos mesmos.

PUBLICIDADE