O Asus N10, o ultraportátil con tarxeta gráfica con memoria dedicada e saída HDMI

venres, 5 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Estamos afeitos a ver que os ultraportátiles que chegaron ao mercado nos últimos meses sexan equipos de pouca potencia, polo que o novo Asus N10 sorprenda por tratarse dun equipo con pantalla de 10.2 polgadas (cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles) que incorpora conexión HDMI (saída de vídeo de alta definición) xa que non emprega unha tarxeta de vídeo básica, senón que conta no seu interior cunha nVIDIA GeForce 9300 GS (con 256 Mb de memoria dedicada).
Incorporar unha tarxeta de vídeo potente pode mellorar as posibilidades deste portátil con procesador Intel Atom, 2 Gb de RAM, disco duro de 320 Gb, Bluetooth, webcam, Ethernet, Wi-Fi, lector de pegadas dixitais, 3 portos USB e unha batería de 6 celas que promete dar unha autonomía de 6,5 horas nunha única carga, o que sorprende, pois con toda esta potencia agardábase un consumo moi superior.
Pero non todo son vantaxes neste novo ultraportátil, pois a súa potencia e versatilidade vai á par do seu prezo, non podendo entrar na familia do baixo custo pois podería custar ata 1.140 dólares, o que está moi afastado dos prezos aos que Asus nos tiña afeitos cos seus Eee PC.

PUBLICIDADE