O BNG demanda ao Goberno medidas para mellorar a conexión de Internet en Gondomar

mércores, 20 de outubro do 2021 S. P.

O Bloque Nacionalista Galego emitiu unha proclama dende Gondomar para esixir ao Goberno que traballe por mellorar a conexión a Internet deste concello pontevedrés. Esta petición forma parte dun paquete de novas iniciativas presentadas no Congreso pola agrupación política galega co obxectivo de garantir a conexión de internet nas zonas do rural galegas “que a día de hoxe están en desigualdade con outras zonas urbanas”.
O deputado do BNG na cámara baixa, Néstor Rego, exemplificou esta “falta de acceso a Internet” na meirande parte das parroquias de Gondomar e reclama ao Goberno do Estado que actúe para que as compañías cumpran coas obras de ampliación da rede de fibra.
Así mesmo, urxe que “se leve a cabo unha reforma da normativa para obrigar ás compañías a aplicar descontos nas facturas cando non cumpran co estipulado no contrato cobrando só o servizo que de verdade poidan ofrecer”.
Segundo lembrou, a veciñanza do Concello de Gondomar leva anos reclamando a mellora no servizo de conexión á Rede, nun municipio onde a cobertura non supera 25% das vivendas totais de e “a maioría delas atópanse no casco urbano e nunha parte da parroquia de Vincios”, dixo, engadindo que “este feito vulnera o dereito a ter un servizo de Internet de calidade e en igualdade de condicións ao que poden gozar outras zonas”. Gondomar, engadiu, “debe soportar un servizo exaxeradamente lento, cando non inexistente nas zonas máis rurais do municipio, coa maior parte da poboación facendo uso dunha conexión de ADSL que non chega nin a rentes dos 10 Mbps, suxeita a colapsos que obrigan á cidadanía a optar pola rede móbil 4G, que tamén se satura e deixa decote de ser eficiente”.

PUBLICIDADE