O BNG pídelle ao Goberno que solucione xa a deturpación dos nosos topónimos nas súas webs

martes, 23 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

A castelanización da nosa terra é un proceso que a Rede arrastra de séculos de historia. Algo así como un peso morto que se reproduce, punto por punto, na Internet. Se hai uns días falabamos dende esta web dun caso de deturpación masiva denunciado polo BNG (e que viña da man do Goberno central, máis polo miúdo do Ministerio de Cultura, no plano teórico gardián da diversidade cultural do Estado), agora cómpre engadir que non se trata nin moito menos dun caso illado. Segundo manifestou os días pasados o BNG, estamos a falar dun proceso continuo e xeneralizado.
Por este motivo, o voceiro dos nacionalistas galegos no Congreso dos Deputados, Franciso Jorquera, vén de pedirlle á Administración central que deixe de usar nas súas webs topónimos non oficiais como “El Ferrol del Caudillo”, “Arteijo” ou “Rianjo”, entre outros, amais de solicitarlle unha solución definitiva que remate con esta deformación que vai contra tódalas normativas vixentes.
Para Jorquera, está claro que o Goberno sabe ben que estamos ante un tema recorrente, que xa produce cansazo reiterar “unha e outra vez”, polo que é máis preciso que nunca que o equipo que dirixe José Luis Rodríguez Zapatero emita os regulamentos para que os organismos do Estado respecten na Internet a toponimia oficial galega.

PUBLICIDADE