O CCG debullará os desafíos da nosa cultura na sociedade en Rede

mércores, 13 de xaneiro do 2016 Redacción

O Consello da Cultura de Galicia quere amosar polo miúdo todo o que se fixo para afianzar a nosa cultura na Rede e, máis aínda, todo o que fica por facer. Este é un dos obxectivos da xornada Desafíos para a cultura galega no escenario interactivo da sociedade en rede, que xa ten aberto o prazo de inscrición para participarmos nela e que terá lugar na sede do CCG en Raxoi o vindeiro 24 de febreiro. A proposta está coordinada por Xosé López, Francisco Campos e Manuel Gago, e contará coa presenza de expertos como Mario Tascón ou Rosa Franquet para falar de novas dinámicas de socialización que inciden nos usos e consumos de produtos culturais.
A xornada, sinalan os seus responsábeis, pretende “ofrecer as claves para unha cultura como a galega ante un novo contexto, caracterizado pola perda do espazo e do tempo como referencia e a participación activa por parte da cidadanía; unha sociedade en rede que multiplica as posibilidades para que as nosas manifestacións culturais interactúen e contribúan a xerar coñecemento”. Sobre esta idea redundarán os cincos relatorios previstos na xornada, que se desenvolverá na sede do Consello da Cultura Galega.
A xornada arrinca cunha conferencia do catedrático da Universidad de Málaga, Juan Antonio García Galindo, que, baixo o título Tempo, Espazo e Comunicación cultural na sociedade dixital, teorizará sobre o contexto actual. Macial Muriano ofrecerá o punto de vista da mocidade, ao centrarse nos modos de interacción nas redes sociais e na cultura por parte dos máis novos. Os relatorios da mañá conclúen coa intervención de Carlos Elías, da Universidad Carlos III de Madrid, sobre as oportunidades para comunicar cultura.
Xa na sesión da tarde, Rosa Franquet, da Universidad Autónoma, dará claves sobre como situar a identidade propia no marco do novo escenario cultural. Pecha a sesión Mario Tascón, consultor experto en redes sociais, que falará sobre a creación de contidos, a diversidade e a identidade na sociedade interconectada.

PUBLICIDADE