O CCG salienta a relevancia dos móbiles para culturas minorizadas como a galega

venres, 10 de novembro do 2017 Redacción

Que oportunidades ten a cultura galega na era dos dispositivos móbiles? Esta foi unha das moitas preguntas formuladas, directa e indirectamente, na xornada Sociedade móbil e cultura: novos e vellos desafíos organizada polo Consello da Cultura Galegas para, entre outras cousas, comprobar até que punto chegamos en materia de comunicación móbil e cultura, e avanzar algunha das novidades que nos agardan. A xornada contou na comisión organizadora con Manuel Gago, Xosé López García e Alba Silva, e foi inaugurada por Ramón Villares, presidente do CCG, quen asegurou que “non todo se resolve con máquinas e cómpre pensar e tratar de adaptar a cultura aos soportes que ten a sociedade”.
Participou, entre outros, Koldo Meso, da Euskal Herriko Unibertsitateak, que partindo dunha serie de cifras sobre o noso uso dos aparellos TIC (a media europea de minutos diarios ao móbil, que son 170, ao computador 120, e ás tabletas 75), afirmou que “o futuro pasa por Internet e pola creación de novos produtos e novos nichos de mercado”. Avogou así pola importancia da innovación nos medios nun contexto marcado pola crise, unha focha produtiva que fixo que en 2015 se pecharan en España 375 medios de comunicación. Segundo fixo saber, o grande reto é crear contidos, reordenar redaccións a ese novo entorno e, tamén, aproveitar o tráfico.
A xornada comezou cun relatorio de Juan Miguel Aguado, da Universidade de Murcia, que explicou que a información é hoxe en día ubicua, “porque se pode levar dun lado a outro”. Situou esa capacidade en tres vectores: o relacional, o identitario e o ambiental. Aguado, que traballa en contidos para dispositivos móbiles desde o ano 2003, destacou o papel do contido que “deixa pegada, se pode empregar e tamén se pode monetizar”.
Pechou a sesión da mañá João Canavilhas, da Universidade da Beira Interior, cun relatorio no que puxo de manifesto a oportunidade dos dispositivos móbiles para producir contidos e intervir na sociedade.
Pola tarde Andreu Casero-Ripollés, da Universitat Jaume I, falou sobre a comunicación política na sociedade móbil, que definiu como un “terreo pouco explorado, infravalorada e infrautilizada”. Na súa opinión os móbiles poden achegar moito á comunicación política en tres niveles: acceso, organización e conexión.
Eva Campos, da Universidade de Valladolid, debullou as oportunidades da comunicación móbil para os axentes culturais, no que definiu como “prosumo”, a suma de produción máis o consumo de bens e servizos. Manuel Gago, director do portal Culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega, pechou os relatorios facendo unha prospectiva da evolución de Internet para os vindeiros anos e o impacto que pode desenvolver en culturas minorizadas como a galega. Nese sentido fixo unha relación de estratexias concretas e puxo sobre a mesa aplicacións que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega como a máquina do tempo, que avanzamos os días pasados dende Código Cero.

PUBLICIDADE