O CCG urxe a incrementar os recursos para a divulgación científica en galego
luns, 11 de maio do 2026
A sede do Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu esta mañá a presentación do Documento de Traballo A divulgación científica en Galego nas redes sociais, coordinado por Manuel Vicente xunto con Iolanda Casal. Nel, en liñas xerais, lémbrase que “o algoritmo non xoga nin a favor da ciencia nin do galego”.
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; a anterior coordinadora da Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade, Elena Vázquez Cendón, máis os dous autores presentaron o estudo que constata un devalo da proxección e difusión de ciencia en galego nun contexto en que as evolución das redes esixe un maior esforzo de produción.
O documento, de carácter propositivo, sintetiza 15 ideas para mellorar a situación e que demanda máis recursos e o impulso de colaboracións con perfís de gran potencial comunicativo.
O informe xa está dispoñible para descarga desde a web da institución.
“Nesta presentación xúntanse dous intereses e preocupacións da institución, como son a lingua e a ciencia”, apuntou Rosario Álvarez, quen fixo un percorrido polo papel que a ciencia e a divulgación científica tiveron no CCG desde a creación da institución.
Pola súa banda, Elena Vázquez Cendón subliñou que “o algoritmo é o coitelo do século XXI e, en función de cómo o usemos, podemos cortar os alimentos cos que nos alimentamos ou mancarnos”, destacando a importancia dun uso responsable das redes sociais.
Quince propostas
O documento, segundo explicou Manuel Vicente ofrece quince propostas para “proxectar o galego á ciencia feita e explicada desde Galicia nas redes sociais”. Entre as principais propostas que reclama, destaca un reforzo dos equipos de comunicación e divulgación científica das institucións públicas de investigación, así como unha mellora das condicións laborais das persoas que desenvolven este labor.
Tamén defende promover o uso do galego en todas as accións divulgativas do Sistema Universitario Galego, apoiando a creación de audiencias propias e recoñecendo a lingua como un valor engadido.
Do mesmo xeito, apóstase por fortalecer as convocatorias que incentivan a comunidade investigadora e o alumnado a divulgar os seus traballos, acompañándoas de formación en narrativas dixitais e galego oral, así como por identificar e “apoiar novos perfís divulgadores nos campus universitarios e entre os creadores independentes de contidos de calidade”.
As propostas inclúen tamén a creación de liñas específicas de apoio á produción de contidos científicos en galego nas redes sociais e o impulso de colaboracións con perfís de gran potencial comunicativo.
Ademais, proponse á Radio Galega e á Galega (TVG) a produción de formatos divulgativos breves sobre ciencia e vida cotiá, a creación de repositorios institucionais de contidos divulgativos e a ampliación de plataformas como Proxector para incorporar podcast e reels.
Considérase “igualmente prioritario” promover a alfabetización mediática da cidadanía, estreitar lazos coa divulgación científica lusófona aproveitando a proximidade entre galego e portugués, e reclamar ás grandes plataformas dixitais a incorporación plena do galego en igualdade con outras linguas, incluídas as ferramentas publicitarias e de intelixencia artificial.
Finalmente, sublíñase a recuperación de campañas con cancelos comúns para a difusión de contidos en galego, esixir unha maior presenza da lingua nas redes dos medios subvencionados pola Xunta e reforzar o traballo en rede entre institucións e colectivos implicados na creación e promoción de contidos en galego.
O informe analiza a evolución da presenza das principais institucións científicas galegas nas redes sociais desde a aparición de Facebook e Twitter ata o actual escenario marcado por plataformas como TikTok.
“Aínda que se aprecia un esforzo crecente por adaptarse ás novas linguaxes audiovisuais e aos formatos de vídeo curto, persisten problemas como a falta de continuidade, a dependencia de convocatorias competitivas para financiar proxectos de divulgación e a precariedade do persoal contratado temporalmente para estas tarefas”, sinálase a respecto do papel xogado polas institucións nas redes sociais, salientándose que “exemplos como Gciencia demostran que o galego funciona como lingua de divulgación científica e pode mesmo actuar como elemento diferencial para conectar co público”.
O documento subliña ademais o papel crecente de creadores e creadoras de contidos galegos especializados en ciencia e humanidades, con perfís de grande impacto nas redes sociais, así como iniciativas colectivas desenvolvidas en Twitch, Youtube ou Instagram durante os últimos anos.
O traballo completa outro estudo realizado en 2016 (Informe sobre a divulgación da ciencia en Galicia) sobre a comunicación da ciencia en Galicia que destacaba unha gran variedade, riqueza pero tamén calidade de iniciativas de divulgación en galego.
A dualidade do caso chinés
No estudo tamén se salienta que a versión chinesa do TikTok "mentres no resto do mundo o algoritmo prioriza contidos de puro entretemento facilmente viralizables, resulta rechamante que na versión chinesa, Douyin, os que se impulsen sexan os educativos, científicos e culturais". Incorpora ademais, mecanismos efectivos que limitan o tempo de uso en menores e persoas anciás, aínda que no outro lado da balanza hai que lembrar a censura que lle aplica a toda clase de publicacións que poida ir en contra dos intereses do Goberno chinés.
