O CDTIC achega en febreiro catro sesións formativas do programa #MesD

venres, 24 de xaneiro do 2020 Redacción

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organiza xunto a Red.es a quinta edición de #MesD, un programa de actividades formativas que se desenvolve durante un mes arredor dunha cuestión innovadora concreta. En febreiro, #MesD centrarase na adquisición de competencias persoais para a transformación dixital. A axenda vén con catro actividades: Creatividade e innovación (4 de febreiro); Pensamento crítico (11 de febreiro); Resolución de problemas complexos (día 18); e Xestión de persoas (día 26).
Segundo informa AMTEGA, todas estas actividades desenvolveranse nas instalacións do CDTIC en Santiago en horario de 16.15 a 20.15 horas e terán como destinatarios principais o persoal directivo, xefas/es de proxecto, responsábeis de equipos ou coordinadoras/es; e profesionais con marxe para a toma de decisións ou que queiran mellorar as súas competencias dixitais, así como persoas emprendedoras con negocios en liña, así como persoas desempregadas que queiran aumentar as súas posibilidades de atopar un traballo.
Impartirá estas sesións Red.es, entidade dependente do Ministerio de Economía e Empresa. Para participar nestas actividades cómpre inscribirse a través da web do proxecto Crear Futuro de Red.es ou mandando un correo electrónico ao enderezo crearfuturo@focyl.com. A inscrición é de balde ata que se cubran todas as prazas.
O programa #MesD é unha iniciativa impulsada desde o CDTIC que consiste nun ciclo de sesións formativas sobre un tema concreto concentradas ao longo dun mes.
Ata o momento organizáronse catro edicións do programa. A primeira delas, celebrada no mes de marzo de 2018, dedicouse á mercadotecnia dixital; a segunda, no mes de xuño do mesmo ano, ao comercio electrónico; a de marzo de 2019 centrouse nas nas redes sociais; e a última delas, de novembro de 2019, tratou o manexo de ferramentas audiovisuais.

PUBLICIDADE