O CITIC colabora un ano máis coa Maker Faire Galicia 2021 que abre este mércores as súas portas virtuais
mércores, 2 de xuño do 2021
Este
2 de xuño abre
as portas (virtuais) un dos grandes acontecementos tecnolóxicos da
tempada, a Maker Faire Galicia, que se celebra até o día 6 cun
programa de actividades do máis alto nivel, apoiado por algún dos
máis sobranceiros representantes da comunidade argalleira galega,
estatal e internacional, e tamén por algunha das entidades
tecnolóxicas que máis están a facer avanzar o ámbito das
tecnoloxías intelixentes. Por exemplo o
Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, o CITIC, que
colabora novamente coa organización da feira.
Edición online
Esta
edición, do mesmo xeito que a do ano pasado, celebrarase nun formato
totalmente online e será novamente un punto de encontro para
a creatividade e o enxeño, nun programa variado coa participación
de especialistas en distintas áreas de coñecemento, no que se
compartirán contidos e proxectos relacionados coa innovación social
e cultural, a innovación educativa e a innovación empresarial.
O
CITIC
O
CITIC participará cunha caseta virtual na xornada de portas abertas,
onde diferentes investigadores do centro exporán os seus proxectos
nas xornadas profesionais.
O
CITIC lembra que os catro proxectos presentados na feira foron
seleccionados entre as 10 mellores propostas, optando desta forma á
fase de concurso de proxectos que se celebrará nas xornadas.
Ademais,
a investigadora do centro coruñés Amparo Alonso participará o 4 de
xuño ás 10:00 horas na mesa redonda A educación do futuro é
agora, onde reflexionará, xunto a diferentes expertos en
tecnoloxía, sobre todo o que se fixo e todo o que se pode facer nos
próximos anos axudados de ferramentas tecnolóxicas como a
Intelixencia Artificial, a neurotecnoloxía e a Realidade Virtual.
Os
proxectos do CITIC
-Contornas
personalizadas de Realidade Virtual para a rehabilitación de persoas
con diversidade funcional
Autores:
Manuel Lagos Rodríguez, Javier Pereira Loureiro, Ángel Gómez
García e Thais Pousada García
Resumo:
A Realidade Virtual permite xerar unha contorna de gran realismo, á
vez que logra a inmersión do usuario no mesmo. A finalidade deste
proxecto é “empregar dita tecnoloxía para desenvolver escenarios
que sirvan como ferramenta complementaria en terapias con persoas con
diversidade funcional”. Cada escenario configúrase en forma de
proba cunha serie de obxectivos establecidos que o usuario deberá
conseguir.
Data
da exposición: 02/06/21 – 10:00 h
-Pictotempo
Autores:
Noé Vila, xunto a Paula M. Castro e Óscar Fresnedo.
Resumo:
PictoTempo é un proxecto que ten como obxectivo axudar aos nenos e
nenas con algún tipo de trastorno do espectro autista e, en xeral,
aos usuarios con diversidade funcional e cognitiva, na organización
e realización das súas rutinas e tarefas cotiás. A aplicación
móbil deste proxecto contribúe a mellorar a súa autonomía e
facilita que os seus educadores e educadoras poidan realizar unha
programación adaptada ás súas necesidades e un seguimento continuo
destas rutinas e tarefas grazas ao uso de pictogramas.
Data
da exposición: 02/06/21 – 15:00 h
-Interfaces
home-máquina con hardware e software aberto
Autores:
Francisco Laport, Paula M. Castro, Francisco Vázquez-Araujo e
Adriana Dapena
Resumo:
As interfaces home-máquina (HMI) representan unha nova canle de
comunicación entre as persoas e os obxectos da súa contorna que non
depende das canles de comunicación habituais. A través do emprego
de software e hardware aberto, este grupo de UDC-CITIC desenvolveu un
sistema HMI completo. Este ten gran utilidade para persoas con
dificultades motrices severas ou aqueles que, aínda conservando
certo control muscular, fatíganse facilmente.
Data
da exposición: 02/06/21 – 10:00 h
-Sistema
de monitoraxe para IT
Autores:
Alejandro Mosteiro, Carlos Dafonte e Ángel Gómez
Resumo:
Este proxecto expón un sistema de monitoraxe para CPDs baseado en
tecnoloxías open source e open hardware. En concreto,
combínase o sistema de seguimento Zabbix coa aplicación para
domótica Home Assistant e o protocolo MQTT para a recollida de datos
dos sensores.
Data
da exposición: 02/06/21 – 14:00 h
Organización
A
sétima edición da Maker Faire Galicia celebrarase nun Museo Gaiás
virtual, da man de Vermis Project, e conta co apoio da Xunta de
Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura, a
Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e o Círculo
Financeiro de Galicia (ao abeiro do proxecto Capacita Directivos).
Ademais, realízase coa colaboración da Fundación Española para
a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia e Innovación, a
FECYT.