O CITIC da UDC presenta a primeira guía sobre condución adaptada do ámbito estatal

luns, 2 de marzo do 2020 Redacción

De esquerda a dereita, o director do CITIC, Manuel F. González Penedo; o reitor da UDC, Julio Abalde; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC, María Jesús Movilla; e o presidente de ASEM Galicia, Manuel Rego

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu este 2 de marzo presentación da guía Conducir desde a diversidade. Potenciando a autonomía na comunidade, en palabras do centro “a única guía que existe a nivel nacional sobre condución adaptada para persoas con doenzas neuromusculares”. O traballo foi elaborado baixo a dirección da investigadora do CITIC Thais Pousada, coa participación de investigadoras da área de investigación de Intelixencia Artificial do CITIC xunto con alumnas do Grao de Terapia Ocupacional da UDC, e editada pola Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares (ASEM).

A investigadora do CITIC Thais Pousada

O director do CITIC, Manuel F. González Penedo, amosou a disposición do centro de acadar un convenio de colaboración con esta entidade para poder desenvolver outros proxectos semellantes no futuro e seguir traballando neste eido.
O reitor da UDC, Julio Abalde, presidiu a mesa de apertura do acto, e destacou que as “novas tecnoloxías deben ter alma”, e que se debe “transmitir o coñecemento a sectores que non teñen tanta facilidade para o seu acceso”.
Pola súa banda, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC, María Jesús Movilla, quixo salientar que o equipo de traballo estivo formado por investigadoras, poñendo en valor a presencia de mulleres neste eido de acción, e que a Universidade debe “traballar de maneira conxunta para xerar recursos que podamos poñer á disposición da sociedade”.
A investigadora do CITIC Thais Pousada realizou a presentación da guía, cuxo obxectivo é mellorar as necesidades informativas das persoas con diversidade funcional, promover accións para mellorar a súa calidade de vida e fomentar a súa participación social. Segundo explicou, a guía responde a preguntas comúns respecto á obtención do permiso de conducir para persoas con enfermidades neuromusculares e ofrece información detallada sobre as posibilidades de adaptación do coche.
Para finalizar, fíxose unha demostración de dous vehículos adaptados por parte de persoas usuarias de ASEM, amosando as adaptacións levadas a cabo para o acceso e condución dos mesmos.

PUBLICIDADE