O CITIC desenvolve un proxecto de mobilidade urbana sustentábel co Concello da Coruña

xoves, 26 de marzo do 2020 Sonia Pena

O importante traballo do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña segue adiante, aínda que atendendo polo miúdo ás normas establecidas polo estado de alarma derivado da crise sanitaria e do COVID-19. Un dos proxectos máis destacados no que se traballan as investigadoras e investigadores do CITIC é o proxecto DIMAIN (Análise funcional para o deseño dunha marquesiña interactiva), unha iniciativa de transferencia co Concello da Coruña que ten o obxectivo de favorecer a mobilidade urbana sustentábel.
En concreto, o CITIC colaborará coa Administración local na análise da estado da arte, avaliación do mercado e análise funcional para o deseño tecnolóxico dunha marquesiña interactiva, así como o desenvolvemento das canles de información necesarias vinculadas á mesma.
A nova marquesiña tamén permitirá analizar o fluxo de viaxeiros e medir a calidade do aire.
Segundo informa o CITIC, o alcance de DIMAIN pasará por “ofrecer información relevante en tempo real e contextualizada ao momento xeográfico no que se sitúa o punto de información intelixente”.
Ademais, engaden fontes do centro, a información non será nun só sentido, como ten lugar na actualidade, “senón que permitirá que os usuarios dos servizos poidan comunicarse coa Administración local e con outros usuarios”. Neste sentido, a información será dinámica, integrada e multicanle, “adaptándose a distintos dispositivos tanto colectivos como persoais”.

PUBLICIDADE