O CITIC lidera un consorcio que creará robots autónomos para o agro, o lecer educativo e a industria

luns, 28 de novembro do 2022 S. P.

O Centro de Investigación TIC da UDC (o CITIC) lidera un consorcio internacional para dar forma a unha nova xeración de robots autonómicos que sexan quen de resolver situacións reais no sector agroalimentario, no entretemento educativo, no eido da produción industrial non estruturada e no comercio. Este é o obxectivo principal do proxecto PILLAR-Robots (Purposeful Intrinsically motivated Lifelong Learning Autonomous), nado ao amparo do programa Horizonte Europa, que conta cun orzamento de total de preto de 5 millóns de euros, dos cales repercutirán no CITIC máis de 1 millón.
Segundo explica o CITIC, PILLAR-Robots busca desenvolver unha nova xeración de trebellos tecnolóxicos avanzados dotados dun maior nivel de autonomía. “Estes robots”, apunta o investigador principal do consorcio, Richard Duro, “poderán determinar os seus propios obxectivos e establecer as súas propias estratexias, aproveitando creativamente a experiencia adquirida durante a súa vida para satisfacer os desexos dos seus deseñadores (usuarios humanos en aplicacións da vida real)”. Con este fin, porase en práctica o concepto de “propósito”, extraído das ciencias cognitivas, “para aumentar a autonomía e a independencia do dominio dos robots durante a aprendizaxe”, engade Duro.
Os propósitos guiarán a adquisición de coñecementos e habilidades que son realmente relevantes para operar en situacións reais. En particular, o proxecto desenvolverá, por unha banda, algoritmos para a adquisición de propósitos, co obxecto de nesgar os sistemas de percepción, motivacionais e de decisión da arquitectura cognitiva desenvolvida para os robots cara a eses propósitos. Pola outra, busca establecer estratexias para a aprendizaxe autónoma de representacións, habilidades e modelos que permitirán as decisións que eventualmente leven a alcanzar propósito. Isto inclúe decisións sobre o que hai que aprender e en que secuencia.
“Así, PILLAR-Robots”, asegura o investigador do CITIC “porá en práctica e validará demostradores da chamada aprendizaxe aberta (en situacións non previstas durante o deseño dos robots) utilizando a arquitectura cognitiva intrinsecamente motivada que se desenvolverá durante o proxecto e todas as estratexias adicionais relacionadas co propósito. Estas implementacións realizaranse en tres eidos de aplicación diferentes, caracterizados por distintos tipos e niveis de variabilidade e incerteza: o agroalimentario, o do entretemento educativo e no campo da produción industrial non estruturada e o do comercio”.
Investigación de vangarda en Europa
Para a realización deste traballo creouse un consorcio liderado polo grupo de investigación que dirixe Richard Duro, como parte dun equipo do CITIC da UDC e no que colaboran equipos de gran prestixio do CNR (Consiglio Nazionale delle Ricerche) italiano, a Universidade de La Sorbona de París, o centro de investigación Athina de Atenas, AI2Life SRL, empresa especializada en aplicacións de Intelixencia Artificial italiana e PAL Robotics, un dos grandes fabricantes de robots de servizo de Europa, situado en España.

PUBLICIDADE