O CITIC presenta os seus resultados anuais

venres, 21 de decembro do 2018 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña expuxo esta mañá os resultados da actividade investigadora do centro durante o ano 2018 tras o que presentaron catro dos seus proxectos colaborativos. O director do CITIC, Manuel F. González Penedo, foi o encargado de amosar os principais indicadores de resultados do centro, destacando a xestión dun total de 4,36 millóns de euros en recursos.
O director quixo salientar que case a metade dos contratos proveñen do sector empresarial, evidenciando así o cumprimento dun dos obxectivos principais do centro, que é o fomento da transferencia tecnolóxica e de coñecemento ao tecido produtivo.
Presentáronse tamén nesta xornada os resultados de catro proxectos colaborativos do CITIC: CONCORDANCE, para a prevención de colisións para UAV utilizando técnicas de deep learning e sensórica optimizada; SC-IM-HW, que busca a optimización de métodos de selección de características baseados en información mutua para arquitecturas hardware non convencionais; eCOAR, un sistema automático para a detección de anomalías e control da calidade en eficiencia enerxética, confort térmico e calidade do aire en edificacións; e TREBOADA, que utiliza técnicas de predición de precipitación mediante sensores de baixo coste e aprendizaxe máquina.
Ademais, previo ás presentacións, tivo lugar o Comité de Dirección, ao que asistiron o Secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o Vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya; o director e subdirector do CITIC, Manuel F. González Penedo e Javier Pereira, respectivamente; e os investigadores principais do centro.

De esqueda a dereita: María Montero, técnica de I+D+i do CITIC; Javier Pereira, subdirector do CITIC; Salvador Naya, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC; José Alberto Díez de Castro, Secretario Xeral de Universidades; Manuel Penedo, director do CITIC; e os investigadores principais do centro.

PUBLICIDADE