O CITIC reuniu a investigadores europeos para solucionar retos financeiros

venres, 22 de abril do 2022 S. P.

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña congregou esta semana a preto de trinta investigadores procedentes de Países Baixos, Bélxica, Italia e España para traballar conxuntamente na resolución de problemas propostos por empresas do sector financeiro. A Study Week with the Financial Industry enmarcouse no Doutoramento Industrial Europeo ABC-EU-XVA da convocatoria MSCA do Programa Marco Horizonte 2020.
Nas xornadas, que se desenvolveron do 19 ao 22 de abril, o persoal investigador reuniuse para traballar en equipos na resolución de tres retos expostos polos socios industriais; son Abanca, Banco Santander, Belfius Bank, Rabobank, EY e UnipolSai. A UDC participa na iniciativa xunto coas universidades de Bolonia, Delft e Libre de Bruxelas e o CWI de Ámsterdam.
O Doutoramento Industrial Europeo ABC-EU-XVA en finanzas cuantitativas comezou a súa andaina en 2018, sendo un exemplo de colaboración entre o ámbito académico e o industrial con transferencia de recursos humanos, xa que financia a seis doutorandos a nivel internacional que, como parte da súa formación, realizan estadías nas empresas implicadas no proxecto.
A UDC recibe unha contribución de medio millón de euros por parte da Unión Europea pola súa participación en ABC-EU-XVA. Ademais, os membros da UDC e investigadores do CITIC involucrados neste proxecto desenvolveron previamente, entre 2014 e 2018, o doutoramento europeo WAKEUPCALL, tamén enmarcado no ámbito das finanzas. Ambos doutoramentos industriais supuxeron unha captación de fondos para a UDC dun millón de euros.

PUBLICIDADE