O CNTG acolle en abril unha xornada sobre análise de Big Data

mércores, 2 de abril do 2014 Redacción

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia vai organizar o vindeiro 24 de abril unha xornada sobre metodoloxías e recursos axeitados para o tratamento da información a gran escala. A sesión, un Seminario sobre análise de datos en Big Data, desenvolverase de 9.30 a 13.30 horas no devandito centro compostelán, sendo os seus principais destinatarios os nosos profesionais dedicados ao exame exhaustivo da información, analistas de negocio, desenvolvedores e administradores con experiencia en SQL e comandos básicos de Unix ou Linux. En xeral, persoal técnico interesado en adquirir coñecementos sobre a materia.
Segundo informa o CNTG, a xornada afondará na xestión, manipulación e emprego en tempo real de datos complexos utilizando linguaxes SQL e de script en Hadoop, aprendendo como Apache Pig e Apache Hive (ferramentas orixinais de Yahoo e Facebook) permiten a transformación de datos e a súa análise a través de filtros e funcións definidas polos usuarios doutras tecnoloxías. “Na última parte da sesión”, engaden fontes do CNTG, “ofrecerase unha visión orientada a casos de éxito e modelos de negocio nos que a ciencia de datos abre novos mercados ás empresas”.
O relator da xornada será Sergio Rodríguez, director de formación da empresa Core Networks, enxeñeiro de telecomunicacións e instrutor oficial de Cloudera nas áreas de desenvolvemento e análise de datos para Europa e América Latina, e de Oracle University. Está en posesión das certificacións de desenvolvedor Hadoop, administrador Hadoop e especialista en HBase e é colaborador habitual en relatorios de masters sobre Big Data en diferentes escolas de negocios.
O prazo de inscrición estará aberto ata o día 23 de abril. A asistencia ao seminario, previa inscrición a realizar en liña a través do portal web do CNTG, é de balde e condicionado ao aforo do local.

PUBLICIDADE