O CNTG fai balance positivo do pasado curso académico

luns, 11 de xullo do 2011 Raquel Noya

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), creado coa firme intención de formar a distintos colectivos profesionais do noso país no eido das novas tecnoloxías para contribuír ao espallamento da sociedade da información, vén de facer reconto do que dou de si o pasado curso académico, 2010-2011, e os resultados semellan cumprir as expectativas dos seus responsables.
En total, o CNTG formou a 762 alumnos e alumnas, todos eles procedentes do sector TIC, que participaron nalgún dos 51 cursos ofertados polo Centro. Achegándonos xa a datos máis miúdos, un 53 por cento das persoas asistentes eran ocupadas, mentres que un 41,5 por cento eran desempregados, e o 5,5 por cento restante pertencían ao sector público.
Din os responsables da iniciativa que “a demanda de cursos foi alta en todas as áreas formativas”, “sobre todo, naquelas actividades dirixidas a formar en técnicas de dirección, xestión e/ou metodoloxía, un xeito que demostra a sintonía da oferta formativa coa demanda real do mercado”, afirman.
Os datos confirman que os profesionais galegos demandan formación especializada e de calidade, e non reparan en investir tempo e cartos se iso se traduce nunha mellora das súas habilidades e coñecementos tecnolóxicos.

Fachada do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia

Xa que logo, no pasado curso académico o número de horas de formación impartidas acadaron as 2.723 oscilando cada curso entre as 20 e as 120 horas que serviron, en moitos casos, para que os alumnos e alumnas acadaran cadansúas certificacións acreditativas do dominio de certas ferramentas, produtos ou metodoloxías, logo de ter superado un exame facilitado no propio CNTG.
Estas probas efectuáronse sobre tecnoloxías tan diversas como as propias de Oracle, Red Hat, LPI, Microsoft, ITIL, PMI, Adobe, Scrum, Cisco, Vmware, Citrix, OMG, PHP ou ISTQB, que confirman o bo facer do centro no tocante ao amplo abano de disciplinas ofertadas, que van dende a administración de sistemas ata o desenvolvemento e a xestión de redes e proxectos...
Porén para confirmar o éxito do Centro en materia formativa tamén é preciso ter a opinión dos verdadeiros protagonistas, os profesionais que apostaron polo CNTG para formarse nalgún eido das TIC, para o que este elaborou unha enquisa na que participaron máis de 700 alumnos e alumnas.
Deste estudo extráese que a valoración dos asistentes aos cursos impartidos foi “moi alta” e as puntuacións obtidas nos diversos indicadores obxecto de valoración foron superiores aos 8 puntos sobre 10 na maioría dos casos.
Os responsables do CNTG, que por certo xa están a pechar a programación para o vindeiro curso, tamén salientaron as visitas recibidas na web durante o ano, neste senso, a cifra experimentou unha suba porcentual do 20 por cento respecto do período anterior, pasando das 127.541 visitas externas entre agosto de 2010 e xuño de 2011.

PUBLICIDADE