O COETTGA denuncia que a crise sanitaria agrava a fenda dixital galega

venres, 20 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

José M. Martínez, decano do COETTGA

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións (COETTGA) vén de emitir un comunicado no que pon de manifesto a súa preocupación polas eivas de cobertura que está a poñer de manifesto a crise sanitaria do COVID-19 e a necesidade das familias e das empresas de amplas contornas da nosa xeografía de seguir mantendo a súa actividade botando man das redes e máis das novas ferramentas. A entidade fai saber que o illamento durante o estado de alarma evidenciou a “enorme fenda tecnolóxica” que existe en Galicia e en España, cunha ampla taxa de poboación (uns 3,2 millóns de persoas) sen posibilidade de ter acceso a Internet de calidade e ás canles educativas telemáticas.
O decano do COETTGA, José M. Martínez, sinala que “este aumento na demanda de medios telemáticos e de telecomunicacións constatou a significativa brecha tecnolóxica galega, que penaliza as zonas do rural, e que veciños e institucións levan denunciando durante os últimos tempos”. O decano, malia recoñecer no seu comunicado os “importantes avances en moitas zonas”, sinala que “aínda quedan moitos puntos escuros no rural galego” que fan imposíbel, en situacións como as que estamos a vivir, unha continuidade plena da actividade empresarial, formativa e comunicativa.
O colexio lembra que segundo datos do Ministerio de Economía, máis de 3,2 millóns de habitantes teñen unha conexión a Internet deficiente cunha velocidade menor a 10 Mbps. “A situación”, explica, é aínda máis grave para preto de 1 millón de persoas cunha capacidade de banda que non chega aos 2 Mbps”. Resultado: familias, vilas enteiras que non teñen acceso a Internet e que estes días de crise sanitaria e illamento social “non poden estar conectadas aos seus seres queridos e sobrelevar a incerteza desta situación descoñecida para a sociedade”.
O colexio tamén recorda que é impensábel para estas familias do rural “seguir as clases virtuais das
escolas ou universidades”.
Para a entidade profesional galega, cumpriría pór en marcha unha tarifa social e pechar as brechas tecnolóxicas que existen na poboación.
O caso de San Xoán do Río
“A principal brecha rural que hai agora é a lexislación. Porque vai moi por detrás da tecnoloxía. Hai 50 anos, a electricidade chegou á última casa custase o que custase, porque así se lexislou; pero agora, iso non se está facendo”, afirma Xosé M. Blécua, alcalde de San Xoán de Río e vocal do COETTGA. Ao que engade: “Agora mesmo, por lei, o único que se obriga é a ter telefonía fixa por cable e velocidade de 1MB por segundo. Todos sabemos que a fixa esta desaparecendo. E unha conexión decente son de 30MB”. Blécua conclúe dicindo que “sempre quedan sen avances os habitantes do rural. O 5G no rural non o imos ver mentres non se lexisle, porque non sae rendible. No noso concello temos 59 núcleos de poboación, dos que só 1 supera os 30 Mbps”.
Segundo Dividendo Dixital
O colexio tamén puxo o foco nos problemas de desenvolvemento de servizos e infraestruturas que vai implicar a suspensión do Segundo Dividendo Dixital, que se interrompeu a pasada fin de semana polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital “até que se dean as condicións axeitadas”. O COETTGA recorda que as provincias de Ourense e Pontevedra estaban mergulladas os días pasados no proceso de liberalización da banda de 700MHz, coñecido como Segundo Dividendo Dixital, para que puidese ser empregada polas tecnoloxías de banda larga móbil. “Esta suspensión adiará a posta en marcha da tecnoloxía 5G nestas zonas, afectando a case un millón e medio de persoas, que precisamente viven nalgunhas das comarcas máis desfavorecidas”, explica Martínez.

PUBLICIDADE