O COETTGA renova a súa páxina web co gallo da celebración do Día Internacional das Telecomunicacións

luns, 18 de maio do 2020 Redacción

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Galicia (COETTGA) celebra o Día Mundial das Telecomunicacións, da Sociedade da Información e da Internet poñendo en valor a imprescindible labor dos telecos nos últimos meses e destacando algúns dos fitos mais relevantes acadados polo Colexio no último ano. Destaca a creación da demarcación galega, a realización do primeiro ForoTelecos de Galicia e o encontro anual de colexiados, acadar representación tanto na xunta directiva da Asociación Española de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións (AEGITT) como no consello de decanos nacional.
Entre os obxectivos está sensibilizar sobre as posibilidades do uso da Internet e de outras tecnoloxías da información e da comunicación (TIC). O illamento puxo a proba a magnífica capacidade de resposta das telecomunicacións para solucionar a demanda crecente e aínda queda moito por amosar. Os datos falan por si sos.
Estas ferramentas poden ofrecer á sociedade e á economía unha capacidade de mellorar a súa calidade de vida así como favorecer a rendibilidade e sustentabilidade das empresas. Así mesmo, o COETTGA destaca a necesidade urxente de reducir a fenda dixital que pon en evidencia a desigualdade da sociedade e da xeografía galega.
O decano do COETTGA, José M. Martínez, lembra que «a conectividade que prestan as telecomunicacións é tan importante como a electricidade, o gas ou auga corrente, posto que se lle recoñeceron ás telecomunicación o rango de servizo básico» engadindo que «de non ser polos Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións e todo o traballo, avances e investigacións que levamos feito nas últimas décadas, as consecuencias desta pandemia global, xa terían provocado unha catastrófica ruptura económica a nivel mundial e dos sistemas tal e como os coñecemos».
Aproveitando a celebración do Día Mundial das Telecomunicacións, o COETTGA decidiu estrear a súa nova páxina web, que tamén está na liña do Día das Letras Galegas ao presentarse os seus contidos na nosa lingua.

Nova páxina web do COETTGA

PUBLICIDADE