O CPEIG celebrou a súa gala anual en Santiago e entregou os premios da profesión ante máis de 350 convidados

venres, 1 de xullo do 2022 S. P.

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou este venres 1 de xullo a súa XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. Fíxoo cunha cea de gala no Hotel OCA Puerta del Camino en Santiago na que se entregaron os premios anuais da profesión (unha ducia de recoñecementos). Asistiron máis de 350 convidados ao evento TIC referente de Galicia, entre representantes do ámbito empresarial, da administración pública, do ámbito universitario e profesionais do eido tecnolóxico.
Foron doce as distincións anuais que se entregaron na gala, premios que corresponden a diversas categorías onde os colexiados/as recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da Enxeñaría en Informática.
En primeiro lugar, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, agradeceu a colaboración dos patrocinadores do evento, “un apoio continuado no tempo que supón un compromiso e un impulso para seguir traballando todos xuntos por un futuro mellor para o noso país”. Ademais, felicitou aos premiados polo seu talento, esforzo e compromiso para modelar e construír un porvir dixital. “O futuro é cuestión de actitude e de talento e, sen dúbida, os premios que hoxe entregamos son exemplo do liderado da nosa profesión e da nosa terra”, comentou.
Fernando Suárez sinalou que nos últimos anos “estase a vivir a ruptura da unidade europea co Brexit, a irrupción das fake news na sociedade, unha pandemia mundial e este mesmo ano o estoupido dun conflito armado no continente europeo que non se vivía desde a II Guerra Mundial, todo acelerado polo feito de que estamos inmersos na maior revolución a todos os niveis da historia da humanidade”. O presidente do colectivo asegurou que “a guerra en Ucraína sacudiu conciencias, e indicou que o sector da informática non foi alleo a este movemento de solidariedade, como así o demostra a plataforma IT4Ukrainians.com, premiada nesta gala”.
Outro elemento clave da metamorfose actual é a desaparición do mundo da globalización radical, que segundo Fernando Suárez “convida a reflexionar sobre a vulnerabilidade da economía a factores como os prezos da enerxía”. E engadiu: “O cambio climático é o maior reto ao se enfronta a humanidade e neste desafía a informática ten moito que aportar, xa que non pode haber transición enerxética sen dixitalización”. Así, o CPEIG decidiu crear este ano un premio para recoñecer proxectos centrados no cumprimento dos ODS definidos por Nacións Unidas. “Como sociedade, debemos pelexar por defender os valores nos que cremos, a liberdade, a solidariedade, a cooperación, a unidade, a ética e o feito de que son as persoas as que deben estar no centro de todo”, dixo, poñendo o foco no feito de que o CPEIG conceda un premio especial a UNICEF España, a USC e o CCII por un estudo no que “se ve a realidade da mocidade ante o uso de Internet co obxecto de sinalar que son as persoas as que dan sentido á tecnoloxía e non ao revés”.
Fernando Suárez tamén salientou a necesidade de poñer a tecnoloxía ao servizo das persoas, por exemplo, tal e como realiza a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para alcanzar o impulso dixital en Galicia e a Delegación do Goberno en Galicia por garantir a seguridade e a protección dos dereitos e liberdades dos usuarios no ciberespazo.
Outro aspecto significativo deste momento de cambios que destacou Suárez é a chegada da Intelixencia Artificial. “Galicia debe ser protagonista, coa unidade de todo o sector tecnolóxico, da creación na comunidade da Agencia Española de Supervisión de la Inteligencia Artificial”, apostou. Tamén o presidente fixo fincapé na inclusión, ben na atracción de talento feminino a profesións tecnolóxicas, misión premiada co Ada Byron a Núria Castell e Karina Gibert, e a contribución da informática ao progreso social e o avance da economía, aspectos polo que a Fundación GoodJob e a empresa Manfred foron distinguidas.
Suárez engadiu que “a tecnoloxía está máis accesíbel ca nunca e “así se demostra con novos avances en Realidade Virtual, Internet das Cousas, Big Data, blockchain, computación cuántica, ciberseguridade, edge computing, así como a nomeada IA e a Web36 e o Metaverso”. O presidente e explicou que Galicia está na vangarda de todos estes avances tecnolóxicos, con empresas e iniciativas como The Waylanders, Trison e Mundos Digitales, todas elas distinguidas igualmente na gala.
Tamén, dixo, premiouse a encarnación dos valores e principios da ética hacker, fundamentada en compartir, na transparencia e na descentralización e no libre acceso aos computadores e coñecemento, a profesionais como Íñigo López-Riobóo, Gustavo Herva ou Bernardo Quintero.
Como reivindicacións no contexto actual, Fernando Suárez quixo trasladar á contorna educativa a diferencia entre competencia dixital e informática, “onde non abonda con saber usar dispositivos dixitais ou programas”, así como a inclusión da especialidade de Enxeñaría en Informática na modificación da Lei de Emprego. “Somos a porta ao futuro, facemos posible canto está por vir e nada sucedera sen nós na era dixital”, sentenciou.
Esta décimo cuarta edición foi inaugurada polo presidente do CPEIG, e contou coa asistencia do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o delegado Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira; José Pazos Arias, membro do equipo de goberno da Universidade de Vigo (UVigo); a vicerreitora de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago (USC), Mª del Pilar Murias Fernández; o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde; así como outras personalidades e representantes do sector TIC galego que exercerán como patrocinadores do evento e as colexiadas e colexiados do CPEIG.
A gala foi presentada por Raúl Pérez, humorista e imitador coñecido por moitos por ter colaborado no programa Late Motiv que Andreu Buenafuente presentou en Movistar 0. Raúl (Madrid, 1976) é enxeñeiro Técnico de Telecomunicacións en Son e Imaxe, pero abandonou este futuro tecnolóxico para dedicarse á comedia.
Tamén os asistentes desfrutaron coa actuación do dúo musical Queen Forever Tribute, un dos mellores tributos obra musical e discográfica de Queen, un clásico do século XX, do momento con coidadas caracterizacións e unha posta en escena minuciosamente deseñada.

Premios da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

-Premio Iniciativa Emprendedora. A compañía de recruiting ou de recursos humanos especializada no sector tecnolóxico, a galega Manfred, foi premiada con esta distinción polo seu labor de axudar aos profesionais a xestionar a súa carreira profesional e poñer en contacto ao mellor talento coas empresas máis innovadoras, empregando unha ferramenta que permite crear o CV e sincronizalo en múltiples plataformas online de forma automática, ofrecendo un maior control sobre os datos.
-Premio Iniciativa da Administración. O proxecto Equipos @, seis grupos especializados en ciberdelincuencia na Guardia Civil, recibe o premio nesta categoría por ser unha iniciativa que se creou para garantir a seguridade e a protección dos dereitos e liberdades dos usuarios no ciberespazo, enmarcado no Plan Estratégico contra la Cibercriminalidad do Ministerio del Interior.
-Premio Iniciativa Empresarial. Este recoñecemento foi para The Waylanders, un videoxogo de rol creado e ambientado en Galicia pola empresa coruñesa Gato Salvaje Studio.
-Premio Traxectoria Profesional. A distinción recaeu no xefe da Subárea da Seguridade da AMTEGA Gustavo Herva Iglesias, que, tras vinte e dous anos de carreira, actualmente é responsable da definición e implantación das políticas corporativas de seguridade da información, ciberseguridade e protección de datos persoais da Xunta de Galicia.
-Premio Especial CPEIG. Distínguese nesta categoría a UNICEF España/USC/CCII polo estudo Impacto da Tecnoloxía na Adolescencia. Relacións, riscos e oportunidades, ao Congreso Internacional de Animación, Efecto Visuales y Nuevos Media Mundos Digitales no seu 20 aniversario e á compañía coruñesa Trison por liderar en Europa o sector da integración audiovisual
-Premio Ada Byron, dirixido a mulleres enxeñeiras en Informática.
O recoñecemento distingue por partida dobre ás doutoras en Informática Núria Castell Ariño e Karina Gibert Oliveras, tamén catedrática, ambas da Universidade Politécnica de Cataluña-BarcelonaTech.
As dúas enxeñeiras en informática dedican parte da súa carreira á fomentar a presenza feminina e dar visibilidade ás mulleres no campo tecnolóxico.
-Premio e-Inclusión. IT4Ukrainians.com, plataforma de axuda á empregabilidade dos refuxiados ucraínos, recibe esta distinción do CPEIG. Impulsada impulado por Mobile World Capital Barcelona e CIONET, é un portal de oportunidades laborais para profesionais con capacidades no ámbito tecnolóxico e dixital en empresas punteiras en Europa.
-Premio Impulso Dixital de Galicia. Recibe este recoñecemento a Estratexia Galicia Dixital 2030 da Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
-Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino. Reciben o premio os programas #Impact, de empregabilidade para persoas con discapacidade no sector da tecnoloxía da Fundación GoodJob.
-Premio Obxectivos de Desenvolvemento Sustenbábel (ODS). Recibe a distinción a rede Dinapsis de Viaqua, de hubs de transformación dixital para a xestión da auga e o medio ambiente en Galicia, e ao grupo SING de investigación biomédica e ciberseguridade da Universidade de Vigo (UVigo), formado por investigadores da Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do Campus de Ourense.
-Premio Traballo Fin de Máster. A distinción outorgouse ao coruñés Íñigo Luis López-Riobóo Botana pola súa ferramenta de maximización de negocio na plataforma TripAdvisor. Os outros finalistas foron Daniel Pena, que desenvolveu un sistema para facilitar a compra online en supermercados a través do móbil, e José Morano, autor dunha ferramenta ferramenta web de apoio ao diagnóstico de patoloxías oculares.
-Colexiado de Honra. Este premio recaeu no director de Enxeñaría de Seguridade de Google, Bernardo Quintero Ramírez, promotor do primeiro Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Google para Europa, que se inaugurará a mediados de 2023 en Málaga.

PUBLICIDADE