O CPEIG recoñece o labor de Domingo Molina Moscoso e de Jacinto Canales de Caso

martes, 13 de maio do 2014 Redacción

Jacinto Canales, presidente do Consello de Colexiados de Enxeñaría en Informática

O 10 de maio tiña lugar unha asemblea xeral e unha xuntanza extraordinaria a cargo do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) co gallo de entregar o Premio Colexiado de Honra a Domingo Molina Moscoso (director de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) da Administración do Estado) e a Jacinto Canales de Caso (presidente do Consello de Colexios de Enxeñaría en Informática).
O CPEIG quixo premiar a Domingo Molina pola súa “capacidade transformadora do Sector Público Administrativo Estatal”. Amais de ser o responsábel do modelo de Gobernanza TIC e de ser un firme defensor da profesión de enxeñeiro/a en Informática e de actuar como interlocutor coas altas esferas do Goberno central no relativo á situación da profesión perante a Lei de Colexios e Servizos Profesionais.

Domingo Molina, director de TIC da Administración do Estado

Achegándonos un pouco á figura de Molina, cómpre dicir que é licenciado en Informática pola Universidade de Málaga e enxeñeiro técnico industrial pola Universidade de Cádiz, pertence ao Corpo Superior de Sistemas e Tecnoloxía da Información da Administración do Estado coa especialidade de Administración Tributaria.
Pola súa banda, Jacinto Canales é na actualidade o presidente do Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñaría en Informática (máximo órgano de representación da profesión en España). Participou na creación do tecido asociativo da Enxeñaría en Informática desde o ano 1993, sendo cofundador das asociacións de Enxeñaría Informática de Castela e León e de Madrid, e cofundador da Asociación de Enxeñaría en Informática, do mesmo xeito que cofundador do órgano predecesor do Consello Xeral. Asemade, contribuíu á creación de asociacións e colexios noutros territorios do Estado, como son: Asturies, Cantabria, A Rioxa ou Navarra. Licenciado e enxeñeiro en Informática pola Universidade de Valladolid, conta cunha traxectoria profesional de 20 anos no sector TIC.
Por último, engadir que no encontro do 10 de maio os colexiados aprobaron tamén distintas modificacións nos estatutos do CPEIG, co obxecto de adaptalos á normativa vixente. Alén disto, revisáronse as contas do exercicio pasado, os orzamentos para o presente e confirmouse a cota de colexiación de 60 euros ao semestre (120 euros ao ano).

PUBLICIDADE