O Campus de Ourense achega tres cursos TIC de extensión universitaria neste primeiro cuadrimestre

venres, 23 de setembro do 2022 S. P.

O Campus de Ourense (UVigo) presentou a programación de obradoiros de extensión universitaria, organizados pola súa vicerreitoría con financiamento da Deputación Provincial para este primeiro cuadrimestre do curso. Baixo lema de Novos horizontes!, inclúense once propostas formativas que abranguen unha ampla diversidade de temáticas, desde os cogomelos e o teatro ata o universo maker, os eSports e a danza.
Respecto do capítulo TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), achéganse varias actividades formativas de interese. Así, celebrarase unha nova edición de Habilidades maker para a educación con Escornabot, un espazo para desenvolver habilidades maker poñendo o foco no ámbito educativo e na reflexión e construción conxunta, no que a tecnoloxía se converte nun contexto para a mellora da práctica docente. Neste caso, o obradoiro celebrarase de outubro a novembro e estará dirixido pola profesora Almudena Alonso.
Os deportes electrónicos tamén terán oco cunha actividade titulada Adestramento en e-sports: iniciándonos como futuros/as xogadores/as, dirixida polo profesor Millán Brea e que terá lugar en outubro e novembro. “Os deportes electrónicos, os eSports, son o novo fenómeno dixital da nosa era e o seu termo fai referencia aos videoxogos competitivos arredor dos cales se organizan unha serie de torneos e equipos para determinar quen é o/a mellor”, sinalan desde a organización.
Xa centrado no eido científico, a programación inclúe un obradoiro de Identificación de cogomelos, dirixido por Paula Estévez. Nel abordaranse “conceptos teóricos e prácticos sobre a macromicoloxía e o emprego de diferentes ferramentas para a identificación de cogomelos”. Entre os seus atractivos están que as e os participantes realizarán saídas polo Campus de Ourense e a súa contorna para apañar os exemplares que despois identificarán na aula.

PUBLICIDADE