O Campus de Ourense ofreceu unha conferencia sobre a radical revolución que vive a xustiza da man da Intelixencia Artificial

martes, 26 de xaneiro do 2021 Redacción

O Campus de Ourense ofreceu semana unha conferencia sobre Intelixencia Artificial no ámbito da xustiza a cargo de Silvia Barona, catedrática de Dereito Procesual da Universitat de València. O seu relatorio enmarcouse no Curso de Actualización Xurídica, da Facultade de Dereito, que arrincou o pasado venres. Segundo indicou, co espallamento das tecnoloxías, da dixitalización e dos sistemas de aprendizaxe das máquinas e os algoritmos estamos “ante un cambio importantísimo de vida, de relacionarnos, de comprar, de interactuar e de funcionar, e isto loxicamente ten un efecto reflexo, cada vez maior, en todo, tamén no mundo do dereito”.
A sesión, que puido seguirse a través do Campus Remoto da UVigo, foi presentada polas profesoras do centro Francisca Fernández Prol, Inés C. Iglesias e María Dolores Fernández, que destacaron a dilatada traxectoria da relatora.
Durante a conferencia, Silvia Barona ofreceu una panorámica de como “a Intelixencia Artificial chegou para ficar”, definindo este ámbito como “un sistema tecnolóxico, unha estrutura, un sistema computacional, que o que fai é traballar con información, con coñecemento, e que ofrece respostas, que resolve problemas, maximiza obxectivos e optimiza o procesamento da información, realizando operacións comparábeis ás que realiza o ser humano de aprender e de razoar”.
Segundo engadiu, a irrupción na xustiza das tecnoloxías con capacidade de razoar, pensar e tomar decisións, “máis que provocar unha evolución, que a hai, o que provoca é unha verdadeira metamorfose”. Ao longo da súa intervención, a relatora repasou a evolución recente da Intelixencia Artificial, tanto en xeral como especificamente no eido xudicial, abranguendo desde as primeiras bases de datos de sentencias xudiciais ata os actuais programas de predición de delitos. A revolución tecnolóxica vivida, indicou, fixo que “aparecesen no mundo do dereito os smart contract, os blockchain, os chatbot, o software de argumentación xurídica, os modelos de gobernanza societaria a través de axentes electrónicos ou os programas informáticos que ofrecen preparación de informes ou que permiten a elaboración de normas xurídicas e demandas”.
No caso do dereito procesual afondou en sistemas de xeolocalización, de recoñecemento facial e de predición. Salientou, a nivel estatal, o caso de Viogén, sistema algorítmico de seguimento integral de casos de violencia de xénero posto en marcha en 2007 pola Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio de Interior, e Veripol, sistema pre-procesual que se usa en fase policial e que calcula a probabilidade de que unha denuncia sexa falsa.
No contexto foráneo, Silvia Barona puxo exemplos como Advocate, sistema de determinación da idoneidade e fiabilidade de testemuñas, e Hart, ferramenta inglesa de avaliación de riscos que predí a comisión de delitos nun período de dous anos empregando criterios como a falta de vivenda, consumo de drogas, saúde mental, etc.

PUBLICIDADE