O Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía do Campus de Lugo recibe un novo e decisivo impulso

martes, 14 de xullo do 2020 Sonia Pena

A Deputación de Lugo, a USC, a CEL e Caixa Rural veñen de fortalecer os seus vieiros de colaboración para potenciar a innovación como fórmula infalíbel para saírmos da crise sanitaria, social e económica na que estamos mergullados. Este reforzamento do traballo conxunto materializarase a través do CITT do Campus de Lugo.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo, Jaime López Vázquez, e o presidente da Caixa Rural Galega, Manuel Varela López, renovaron este martes 14 de xullo, na oficina de Caixa Rural na cidade da Muralla, o convenio de colaboración para o desenvolvemento de actividades do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do Campus de Lugo, dotado con 62.800 euros, dos cales a institución provincial achega 9.500€.
Tomé Roca explicou que a Deputación de Lugo “seguirá apostando por respaldar economicamente a actividade do CITT do Campus Terra porque cremos na necesidade de contar cunha ferramenta especializada na investigación e na innovación, que transfira todo ese coñecemento cara ao tecido produtivo da nosa provincia para impulsar a súa competitividade e o seu desenvolvemento sustentábel”.
O mandatario provincial puxo o foco en que esta unidade do Campus Terra é “nestes momentos máis necesaria se cabe na actual situación que vivimos provocada pola pandemia da COVID-19”. Nesa liña, subliñou que o CITT “será un axente multiplicador das oportunidades de recuperación e de desenvolvemento do noso tecido empresarial e do conxunto da nosa provincia”.
O convenio para o mantemento do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía permite situar esta sede da USC á vangarda da transferencia de coñecemento e tecnoloxía á súa contorna social máis próxima, fundamentalmente á ligada ao sector primario (agrogandeiro e forestal), que é un dos sinais de identidade do Campus Terra da USC e da súa agrupación estratéxica de investigación BioReDes.

PUBLICIDADE