O Chromecast chega oficialmente a España

mércores, 19 de marzo do 2014 Marcus Fernández

O pasado verán Google anunciou Chromecast como un xeito económico e doado de achegar contidos audiovisuais da Internet ao televisor, que inicialmente estaba reducido a moi poucos contidos para ir pulindo esta solución, ata que o mes pasado publicaron o SDK que facilita que calquera desenvolvedor poda adaptar o seu software para facelo compatible con este trebello, polo que xa podemos considerar que o produto estaba listo para o mercado, de aí que Google veña de abrir a posibilidade de adquirilo dende fóra de EE.UU., chegando polo momento a 11 países máis: Alemaña, Canadá, Dinamarca, Finlandia, Francia, Italia, Noruega, Países Baixos, Reino Unido, Suecia e España.
Dende España polo momento o trebello serve para ver vídeos de YouTube e Google Play Movies e achegar música de Google Play Music, estando Google a traballar con distintos provedores de contido local para que inclúan os seus programas de televisión e películas para que poidan reproducirse a través de Chromecast.
Esta solución pode controlarse dende móbiles e tablets con Android e iOS e dende navegadores web Chrome de Windows e OS X, e pode adquirirse dende as últimas horas a través de Google Play e de Amazon.es por 35 euros, estando previsto que vaia estar dispoñible tamén en establecementos físicos de cadeas como FNAC e Media Markt.
O Chromecast mide só 72 x 35 x 12 milímetros, pesa 34 gramos, conta con conectividade Wi-Fi N, conéctase directamente ao televisor a través de HDMI e toma alimentación a través de USB (inclúe fonte de alimentación).


Vídeo promocional do Chromecast

PUBLICIDADE