O CiTIUS acolle unha charla sobre o incerto futuro de Europa no ámbito da Intelixencia Artificial

xoves, 3 de decembro do 2020 Redacción

O centro compostelán CiTIUS acolle este venres unha charla sobre o futuro da Intelixencia Artificial e as súas implicacións sociais, co foco posto na paradigma europeo. Contarase coa presenza de Andrés Pedreño e Luis Moreno, autores do libro Europa fronte a EEUU e China. Previr o declive na era da Intelixencia Artificial, no que expoñen como varias décadas nefastas de políticas económicas e de sobre-regulamento dixital leváronnos á actual fenda tecnolóxica que, de non corrixirse, “terminará por sentenciar o benestar e o emprego de millóns de europeos e europeas”. De feito, explican, Europa móstrase cada vez máis como unha potencia económica de segunda orde, dependente no tecnolóxico de China e Estados Unidos. A charla poderá seguirse en liña.
Na súa crítica, Pedreño e Moreno propoñen un cambio de discurso achegando posíbeis solucións en materia de educación, xestión dos recursos públicos, ou desenvolvemento emprendedor. Medidas todas elas que deben ser escoitadas e aplicadas con urxencia para que Europa poida impulsar o seu benestar na cuarta Revolución Industrial, engaden.
Sobre os relatores
Andrés Pedreño é catedrático de Economía Aplicada e doutor honoris causa pola Nottingham Trent University (Reino Unido). Reitor da Universidade de Alacante durante o período que vai de 1993 a 2000, é o fundador e conselleiro delegado de Universia (2000-2004), plataforma con máis dun milleiro de universidades de 20 países. Autor de medio centenar de libros relacionados coa economía española, a educación e o mercado de traballo e a economía dixital. Nos últimos 20 anos desenvolveu proxectos de tecnoloxía e varias startups de éxito nacional e internacional. É fundador da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes (Premio Stanford University á mellor biblioteca dixital).
Luis Moreno é profesor do Departamento de Análise Económica Aplicado da Universidade de Alacante e membro investigador do Instituto de Economía Internacional. É licenciado en Economía na Universidade de Alacante en 2007, mestrado en Cooperación Internacional e Xestión de Proxectos en 2009, e doutor internacional, con premio extraordinario de doutoramento, en 2013. As súas áreas de investigación céntranse na economía da innovación e a economía do turismo, nas que publicou en distintas revistas internacionais de distintos ámbitos sociais e económicos.

PUBLICIDADE