O Cluster TIC Galicia anuncia os seus primeiros compromisos

luns, 15 de marzo do 2010 Raquel Noya

O Cluster TIC Galicia, esa organización integrada por máis dun cento de entidades pertencentes ao sector das Tecnoloxías da Infomación e a Comunicación do noso país, que foi creada recentemente para tratar de impulsar as novas tecnoloxías en toda a sociedade galega, vén de facer pública a súa vontade de “asumir un papel de liderado cara a nova economía de Galicia”, tal e como anunciou durante a súa primeira reunión celebrada en Santiago de Compostela.
Nesta primeira reunión do Comité Estratéxico do Cluster TIC Galicia, a entidade acordou asumir o labor de impulsar e liderar o avance da comunidade autónoma cara un novo modelo económico baseado na innovación, a produtividade, o valor engadido e o desenvolvemento sostible; un modelo, segundo informaron, “asentado no coñecemento que é imprescindible para mellorar a capacidade das empresas galegas de competir nos mercados globais e, deste xeito, crear emprego de calidade e garantir o avance económico e social do país”.
As empresas TIC, segundo informaron dende o Cluster, “teñen unha capacidade demostrada para a innovación e, pola súa transversalidade, é dicir, a súa competencia para desenvolver tecnoloxía que contribúe á mellora da produtividade en todos os sectores, están en disposición de ser o motor da necesaria renovación do modelo económico”.
É por isto que a entidade aposta polo sector das novas tecnoloxías, que representa o 2,15 por cento do PIB de Galicia, como a chave para incrementar os postos de traballo no noso país e sair dunha crise que afecta a tódolos sectores case sen excepcións, a nivel mundial.
Galicia debe saber aproveitar as súas fortalezas no ámbito das TIC”, afirmaron, “como a existencia de centros universitarios de recoñecido prestixio, un tecido industrial consolidado, a presenza de operadores mundiais e redes locais, ou a demostrada capacidade das empresas galegas para desenvolver tecnoloxía punteira e posicionarse como líderes en cambios tecnolóxicos decisivos”.
Sumándose a todo iso, o Cluster TIC anunciou, asemade, que asume o compromiso de promover a coordinación de todos os axentes económicos, sociais, profesionais e académicos, e de traballar a carón das administracións para desenvolver sinerxias, impulsar a cooperación entre os distintos actores, mellorar as vías de financiamento das empresas e facilitar o seu acceso aos mercados. Como entidade representativa do hipersector, o Cluster TIC Galicia traballará, segundo anunciou, “para ser parte activa na definición de políticas públicas que incentiven a demanda temperá de tecnoloxía, que impulsen a expansión das redes de nova xeración e o uso da banda ampla, e que favorezan a competitividade das empresas da comunidade autónoma, todo iso nun marco de apoio ao espírito emprendedor, fomento da iniciativa privada e respecto á libre competencia”.
Nesta primeira reunión do Comité Estratéxico, tamén se acordou a composición do Comité de Dirección do Cluster TIC de Galicia, órgano executivo da entidade, que queda integrado, entre outras persoas, por Rafael Valcarce Baiget como presidente, Antonio Rodríguez del Corral como vicepresidente, e Jorge Cebreiros Arce como secretario.
Antes da súa reunión oficial, os membros do Comité Estratéxico acudiron á Cidade de Cultura de Galicia co obxecto de realizar a súa foto de familia nas dependencias deste proxecto emblemático.

PUBLICIDADE