O Concello da Coruña organiza 75 cursos en liña de balde para potenciar a dixitalización

xoves, 14 de maio do 2020 Redacción

A Concellería de Innovación, Industria, Emprego e Consumo da Coruña presenta unha iniciativa de formación en liña para 500 persoas residentes na cidade herculina de xeito gratuíto, coa que o Goberno local quere facer fronte ás consecuencias xeradas pola COVID-19, cunha batería de 75 cursos en liña de 19 categorías profesionais cun total de 500 prazas abertas. O prazo de inscrición comezará o luns 18 de maio ás 10:00 horas e finalizará cando se esgoten as prazas dispoñibles.
É unha medida deseñada para persoas en desemprego, en situación de ERTE, profesionais que cesaron na actividade ou persoas traballadoras que queiran mellorar o seu emprego. Os requisitos para realizar esta formación integramente dixital son ser maior de 16 anos e estar empadroado no Concello da Coruña.
Cada persoa poderá seleccionar un curso de calquera das áreas de especialización: idiomas (inglés ou francés), ofimática, turismo, márketing, sanidade, loxística e ata 19 áreas distintas de especialidade. En todos os cursos se formará sobre competencias moi demandadas na dixitalización que está a experimentar o mercado actual. Estas formacións estarán dispoñibles desde a súa inscrición nun prazo de 3 meses cunha forma integramente en liña e accesible na modalidade 24/7.
Toda a información sobre esta formación e as súas particularidades pódense consultar de forma detallada na páxina web da concellería organizadora a partir do luns.

PUBLICIDADE