O Concello de Ames achegará as empresas locais á cidadanía por medio dos seus móbiles

xoves, 20 de xaneiro do 2022 S. P.

Esta semana o Concello de Ames comezou unha rolda de visitas a empresas, profesionais e negocios do termo municipal con vistas á elaboración dunha Guía de Empresas que sexa un instrumento informativo de primeira man para negocios e clientes. En concreto, será un recurso informativo de utilidade no plano dixital, xa que a guía en cuestión estará dispoñíbel en liña e integrada nunha aplicación móbil específica sobre o comercio local.
A Concellaría de Promoción Económica e Comercio está a traballar arreo para recoller a información “máis fidedigna e actualizada das entidades comercias/empresarias que existen no municipio”. Esta listaxe de empresas servirá tanto para que poida ser empregada polos veciños de Ames, para buscar posíbeis empresas cuxos servizos lles poidan ser de interese e, tamén, para que a propia Administración local coñeza empresas que poidan participar en procesos de licitación de servizos municipais.
O traballo de recompilación de datos realizarase durante un período de tres meses.
“Trátase dun proceso de actualización aberto e continuo no tempo”, explicou a concelleira de Promoción Económica e Comercio, Ana Belén Paz, engadindo que “necesitamos dispor dunha listaxe actualizada dos comercios e empresas que temos en Ames. No noso concello dispoñermos de múltiples empresas de sectores moi diversos, que poden ser descoñecidas para parte da veciñanza. Por iso cremos que é necesario dispor desta Guía de Empresas, que redundará en beneficio da cidadanía e das propias empresas”.
Os datos que se precisan son os seguintes: nome comercial, ano no que se deu de alta a empresa, dirección completa, actividade, código IAE, contacto, web, redes sociais, palabras clave, premios e recoñecementos, sector ao que pertence o comercio/empresa, pequena descrición que queiran achegar da empresa, coordenadas, etc.


PUBLICIDADE