O Concello de Oleiros denuncia cortes no servizo de telecomunicación en tres núcleos

venres, 27 de maio do 2022 S. P.

O Concello de Oleiros vén de denunciar importantes problemas no servizo de telecomunicacións en varios núcleos do termo municipal. Concretamente, fixo saber que a veciñanza de Coruxo, Romardeiro e As Galeras leva máis de 20 días sufrindo cortes nos servizos de internet e televisión nos seus domicilios, dotados de fibra óptica desde hai máis de 20 anos por parte da empresa R.
O Concello fai saber que “na actualidade Movistar está a realizar a implantación de fibra óptica en distintas zonas do municipio, utilizando as canalizacións das que dispuña R, esnaquizando nos seus traballos as instalacións existentes, provocando a queima do cable por curtocircuítos e desconectando nodos existentes”.
Ante esta situación que o Consistorio cualifica de “grave”, o Concello notificou a Movistar “que se abstivera de tocar a ningunha das redes do municipio se antes non se restablece o servizo a aqueles veciños e veciñas afectados”. O Concello xa emitiu varios comunicados ao respecto no que reitera a súa esixencia de volver de emendar os danos e a interrupción do servizo á cidadanía.

PUBLICIDADE