O Concello de Pontevedra estrea sede electrónica

martes, 1 de marzo do 2016 Redacción

Hoxe botaba a andar a sede electrónica do Concello de Pontevedra: sede.pontevedra.gal. Dende este espazo o Executivo local achega, entre outras cousas, a posibilidade de levar adiante a tramitación administrativa aos usuarios. Emporiso, no comezo poderán realizarse tramitacións sinxelas como a comunicación da conta corrente; declaración de datos fiscais; solicitude xeral ante o Rexistro… o resto de trámites iranse introducindo paseniño, estamos a referirnos, por exemplo, ao pagamento de tributos ou aos trámites perante o Servizo de Urbanismo.
Volvendo á sede electrónica en si mesma, cómpre dicir que está dividida en dúas partes: unha pública na que se achega un catálogo de procedementos que se poden realizar ou dos que se informa para poder executalos, unha parte de transparencia onde aparece o taboleiro de anuncios (que substitúe ao físico na entrada do Concello), o perfil do contratante, o emprego público, os servizos tributarios, a normativa municipal, os impresos…
E por outra banda está a parte privada, aquela que permite ao administrado coñecer os seus expedientes dentro da administración, así como o pagamento de recibos, entre outros. Engadir que para iso, será preciso acceder a través do DNI electrónico, dunha certificación dixital ou dunha clave que achegue o propio concello (haberá que solicitalo ante o Rexistro Municipal).

PUBLICIDADE