O Concello de Rianxo organiza dúas actividades sobre ciberseguridade e videoxogos nos centros docentes

venres, 7 de maio do 2021 S. P.

O Concello de Rianxo organiza dúas actividades de divulgación e formación tecnolóxica nos centros escolares municipais ao longo dos meses de maio e xuño, dirixidas ao alumnado de 5º e 6º de Primaria. As dúas teñen a finalidade común de amosar xeitos de facer un uso racional e creativo das novas ferramentas.
A primeira actividade é un relatorio sobre seguridade e tecnoloxía que se vai desenvolver baixo o epígrafe Non enredes nas redes: virus, videoxogos, hackers e youtubers. En palabras do Concello, trátase dun percorrido pola historia das ameazas e perigos nas redes relacionadas co lecer das crianzas: videoxogos, redes sociais e contidos na rede. Esta sesión ten tamén o obxectivo de mostrar metodoloxías para sacarlle un proveito positivo ás novas tecnoloxías da información.
A segunda actividade é un obradoiro de elaboración dun videoxogo sen coñecementos de programación, e no que, desde cero, as crianzas poderán construír, en moi pouco tempo, un pequeno videoxogo para dispositivos móbiles.
A primeira xornada terá lugar o venres 7 de maio no CEP Brea Segade de Taragoña.

PUBLICIDADE