O Concello de Verín e Xoia presentan a app que devolve Caldeliñas á súa época dourada

luns, 12 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Verín aposta de cheo polas novas tecnoloxías para dar a coñecer ante o mundo o seu importante patrimonio. A semana pasada, sen ir máis lonxe, o Goberno local presentou no Balneario de Caldeliñas a aplicación móbil de Realidade Aumentada chamada Time Trip Caldeliñas, que foi deseñada pola empresa galega Xoia Software e que salienta por poñer ao alcance da man dos usuarios (en cadanseus móbiles) unha pormenorizada e exhaustiva reconstrución en 3D do senlleiro edificio termal. E faino, ademais, recuperando o brillo do seu máximo esplendor: a principios do século XX.
O acto de presentación correu a cargo do alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e do tenente de alcalde, Diego Lourenzo Moura, quen, acompañados de Xoel Vázquez e Cristina García Souto, director executivo e directora de proxectos de Turismo e Cultura da empresa Xoia Software, mostraron aos medios de comunicación presentes o funcionamento da aplicación. Polo que respecta á intervención dos responsábeis municipais ante os medios, comezaron agradecendo e felicitando o gran labor despregado por Xoia, do que abrollou unha tecnoloxía que “democratiza a cultura e o coñecemento, permitindo a calquera usuario viaxar ao pasado e coñecer de maneira rigorosa, á vez que divertida, enclaves de especial interese histórico utilizando tan só o seu terminal móbil”.
Realidade Aumentada
A ferramenta dada a coñecer é unha aplicación gratuíta interactiva baseada na Realidade Aumentada que posibilita, a través do móbil (smartphone) ou mesmo unha tableta, reconstruír o pasado sobre o que estamos a ver en tempo real. “Permítenos con simples xestos trasladarnos a través das distintas estancias e escenas da vida diaria do histórico Balneario de Caldeliñas a principios do século XX”, explicaron os responsábeis do seu desenvolvemento, engadindo que un dos desafíos do traballo despregado foi conseguir “dar vida ao pasado recuperado”, ofrecendo un produto “con rigor histórico, que dea un paso máis no entretemento turístico-cultural”.

PUBLICIDADE