O Concello de Vigo e a firma Xoia impulsan unha ferramenta para visitar virtualmente a vila romana de Toralla

venres, 11 de agosto do 2017 Redacción

Onte foi presentada en Vigo unha aplicación móbil que fai posíbel ver a vila romana da illa de Toralla, en Vigo, en realidade aumentada. A ferramenta Time Trip Experience: Toralla, foi desenvolvida pola nova firma Xoia e impulsada polo Concello. Trátase dun recurso de balde (podemos descargalo xa en Google Play) para coñecermos de primeira man o pasado de Toralla e das súas salinas. Segundo fixeron saber os responsábeis do seu desenvolvemento, fíxose un especial esforzo en achegar unha recreación fiel do que foi a realidade da illa viguesa, a súa contorna e o seu día a día.
Na presentación participou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que felicitou á tenente de alcalde e concelleira de Patrimonio Histórico pola iniciativa e á empresa Xoia polo seu “traballo excepcional nunha aplicación que permite ver a vila romana de Toralla en realidade aumentada”.
A ferramenta, a través do móbil e de varias peañas virtuais repartidas polo espazo, mostra unha recreación da vida na vila romana nos seus intres de maior esplendor. Segundo explicou Caballero, simplemente con enfocar ás peañas “podermos ver intres da vida na vila romana, como as termas co seu moderno sistema de calefacción romano, o salón, a cociña ou os distintos usos e costumes dos romanos”. Ademais de poder acceder aos modelos tridimensionais coa aplicación, os usuarios e visitantes poden coa aplicación obter toda a información dispoñible sobre o xacemento.
O alcalde eloxiou o traballo da startup Xoia e recordou que naceu grazas ao concurso de emprendemento impulsado polo Concello de Vigo en 2014.

PUBLICIDADE