O DJI Mavic Pro destaca por ser un dron moi compacto

mércores, 28 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Continúa a competencia feroz no mercado dos drons, e a empresa líder a nivel mundial (con aproximadamente o 70% do mercado dos drons de consumo) non quere perder a súa posición e presenta o DJI Mavic Pro, un cuadricóptero bastante avanzado que destaca pro ser encartable e lixeiro, que incluso pode operarse cun smartphone, de xeito que convértese nun produto moi atractivo, que probablemente supoña un duro golpe para o Karma de GoPro, que terao moi complicado para competir cun produto máis completo e económico.
O Mavic Pro, encartado para o seu transporte, só ocupa 198 x 83 x 83 milímetros e pesa 743 gramos, polo que sería o dron deste tipo máis compacto que podemos atopar, á vez que tamén inclúe tecnoloxía moi avanzada para evitar obstáculos (integra 5 cámaras, GPS e GLONASS e 2 sensores ultrasónicos), inclúe unha cámara con estabilizador de 3 eixes que pode gravar vídeo 4K a 30 imaxes por segundo e disparar fotografías a 12 Mpíxeles, ten autonomía de até 27 minutos, pode voar até a 65 quilómetros por hora no seu modo deportivo, pode empregarse cun mando a distancia con vídeo en directo (1080p/720p) até a 7 quilómetros de distancia) e incluso sería compatible con cascos con dobre pantalla para poder gozar dunha vista de dron en primeira persoa.
Ao ser un produto de DJI tamén inclúe moitos dos seus adiantos en automatización, polo que, aparte de controlar manualmente o cuadricóptero tamén pódese empregarse a súa tecnoloxía de seguimento automático, o dron tamén pode detectar cando saudamos coa man para disparar unha instantánea a distancia e, para cando se queren sacar boas fotografías, tamén pode empregarse o dron en modo trípode, de xeito que procurará manter movementos lentos e precisos para conseguir bos resultados creativos.
O dron Mavic Pro xa pode encargarse a un prezo de 1.199 euros, aínda que a opción de compra máis recomendable sería o lote que por 1.499 euros inclúe cargador de coche, centro de carga, baterías, hélices de reposto e bolsa de transporte, estando previsto que chegue ao mercado o 15 de outubro. Cómpre salientar que será posible adquirir o dron de xeito independente (sen o controlador, pensando en manexalo co smartphone) a un prezo de 749 dólares, o que o situaría nun rango de prezo moi asumible para un produto tan completo e práctico.

Vídeo promocional do dron DJI Mavic

PUBLICIDADE