O Día da Ciencia na Rúa regresa este sábado ao parque de Santa Margarida da Coruña

venres, 6 de maio do 2022 S. P.

Este sábado 7 de maio A Coruña vai celebrar ao grande o Día da Ciencia na Rúa. Farao dende o parque de Santa Margarida e convocando a destacada cifra de 35 centros educativos. Será, en palabras da organización (o Concello a través dos Museos Científicos Coruñeses), “unha xornada festiva e divulgativa con múltiples actividades para todas as idades”. Na listaxe de colaboradores atopamos ao Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC, que mostrará os seus relevantes achados ao abeiro do proxecto Talentos Inclusivos (entre outras actividades).
Unha data singular... e histórica
Este acontecemento reúne desde hai 25 anos a ducias de centros educativos e milleiros de persoas no parque de Santa Margarida. O pasado ano trasladouse de xeito excepcional ao Teatro Colón nunha xornada que “conservou a esencia da celebración adaptándoa as circunstancias sanitarias”, explica o Concello, poñendo o foco na significativa volta ao parque de Santa Margarida, co fin de dar forma “a unha especial romaría científica na que son protagonistas principais o alumnado e o profesorado de centros educativos de diversas localidades galegas”. Nesta edición, participan 35 centros da Coruña, Betanzos, Culleredo, Ribadeo, Cambre, Carral, Coristanco, Ortigueira, Pastoriza e Miño. Farano mostrando polo miúdo as actividades e experiencias que prepararon durante meses para convidar a cidadanía a descubrir, aprender e xogar coa ciencia.
Múltiples apoios
No Día da Ciencia da Rúa estarán tamén presentes entidades e institucións vinculadas á actividade científica. A Universidade da Coruña participa coa Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñeiros de Camiños, a Agrupación Estratéxica do Centro de Investigacións Avanzadas (CICA), o Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC e a Cátedra EMALCSA-UDC. Tamén acudirán outras institucións asentadas na cidade, como o Centro Oceanográfico da Coruña, e o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña-Grupo CellCOM e Grupo de Microbioloxía. Sumáronse ademais nesta edición a Facultade de Física USC e a Facultade de Ciencias USAL.
Outras entidades, como a Asociación Galega de Xadrecistas-AGAX, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, Bricolabs, Ludo Sociedade Deportiva ou Gallaecia Viva ofrecerán as súas actividades para o público que visite o parque de Santa Margarida este sábado. O desfile de cabezudos de famosos científicos, un concerto do Conservatorio de Música da Coruña, xogos e obradoiros, completarán esta xornada festiva.
Xornada de portas abertas nos Museos Científicos
Ademais, os Museos Científicos Coruñeses súmanse a este día con xornada de portas abertas nos seus tres centros, a Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae. Na Casa das Ciencias, no centro da festa no parque, a entrada será libre neste día. Na Domus e no Aquarium será preciso reservar os billetes para gozar desta xornada de portas abertas.
Premio Javier Novelle
Nesta edición do Día da Ciencia na Rúa quéreselle render unha homenaxe a Javier Novelle, quen desde a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e durante 24 anos impulsou con grande éxito esta celebración, traxectoria interrompida polo seu falecemento.
A participación do CITIC
O CITIC participará cunha caseta propia. O centro foi convidado a formar parte deste evento para mostrar diferentes proxectos de investigación levados a cabo no seu seo, así como os desenvolvementos en torno ao proxecto Talentos Inclusivos, que promove solucións tecnolóxicas para persoas con diversidade funcional.
A piques de finalizar a súa segunda edición, Talentos Inclusivos está posto en marcha polo CITIC e ASPACE Coruña e conta co apoio do Consello Social da UDC, a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta e o Concello da Coruña. No Día da Ciencia na Rúa, as persoas visitantes poderán coñecer algúns dos produtos de apoio desenvolvidos na primeira edición do proxecto por parte de estudantes de Secundaria para mellorar a calidade de vida de persoas con parálise cerebral.
A carpa do CITIC, que será a nº 1, estará organizada en dúas zonas: mostra de proxectos e Talentos Inclusivos.

PUBLICIDADE