O Disc Manager 100 permite atopar rapidamente os contidos gardados en discos ópticos

venres, 30 de maio do 2008 Marcus Fernández

Co aumento das capacidades dos discos ópticos, atopar contidos gardados é cada vez máis difícil, pois en moitos casos resulta imposible escribir unha listaxe completa de documentos, programas ou vídeos almacenados nun DVD gravable, de aí que haxa que empregar aplicacións informáticas para catalogar os nosos discos de datos, o que agora é aínda máis doado grazas ao dispositivo Disc Manager 100, que permite gardar no seu interior ata 100 discos (CD de música, DVD, xogos, Blu-ray...) xestionados mediante unha aplicación instalada nun PC conectado por USB, de xeito que ao solicitar un documento en concreto o sistema se encarga de expulsalo en poucos segundos.
Esta solución de catalogación é ampliable, de xeito que poden funcionar ata 5 unidades xuntas mediante un único porto USB e valéndose de concentradores USB poderiamos conectar ata 100 grupos de 5 dispositivos apilados, o que permitiría xestionar ata 50.000 discos nun único equipo.
O Disc Manager 100 tamén resulta útil para manter os discos afastados do po e da luz, e tamén resulta práctico para gardar discos confidenciais.
O seu prezo de venda é de 99 dólares.

PUBLICIDADE