O Edificio Fontán, no marco do encontro Ciber.gal acollerá o concurso Capture The Flag

xoves, 4 de novembro do 2021 S. P.

O Edificio Fontán da Cidade da Cultura acollerá os vindeiros días 10 e 11 de novembro o primeiro Encontro Galego de Ciberseguridade Ciber.gal dirixido a empresas, cidadanía e administracións públicas. No marco deste evento, o día 10, celebrarase en modalidade presencial (dende as 15h ata as 19h) o concurso Capture The Flag, que formulará unha serie de deafíos que porán a proba os coñecementos e habilidades dos participantes na área de seguridade de sistemas e aplicacións.
Segundo informa a axencia autonómica AMTEGA este concurso, organizado de maneira conxunta pola Cátedra R en Ciberseguridade e o Centro Tecnolóxico Gradiant no marco do evento Ciber.gal, ten como requisitos para a súa inscrición sermos maior de idade, acudirmos cun ordenador portátil propio e descubrirmos “o segredo” para podermos participar, que consiste na resolución “dun sinxelo reto de seguridade”. Na actividade participarán un número máximo de 30 persoas, que serán seleccionadas por orde de inscrición. É preciso inscribirse previamente para poder participar neste formulario.
AMTEGA engade que cada proba deste concurso ten asignada unha puntuación en función á súa dificultade. Existirá a posibilidade, en caso de necesitarse, de solicitar pistas que descontarán puntos ao total da proba en cuestión. Unha vez finalizado o tempo da actividade, determinaranse os gañadores en función da súa posición na clasificación. O primeiro e o segundo clasificado serán agasallados con premios de 700 e 300€ respectivamente, sendo entregados os mesmos na última xornada do encontro, o día 11 de novembro no auditorio principal do Edificio Fontán. Ademais, ao finalizar o concurso, tamén está previsto o sorteo entre todos os participantes dun Huawei Watch GT2 Pro. Pódense consultar as bases legais do concurso na web de Ciber.gal.
O concurso Capture The Flag, explica AMTEGA, “nace coa intención de que todos aqueles que queiran, poidan por a proba as súas habilidades e a súa destreza á hora de resolver problemas relacionados con temáticas como a criptografía, o análise forense, o networking e o reversing”. Nesta mesma liña, neste caso organizado pola Cátedra R de ciberseguridade, celebrarase un obradoiro para a detección, identificación e análise de ameazas en redes e aplicacións o día 10 de novembro entre as 10h e as 14h, que consistirá nun breve repaso conceptual á análise de malware e ás técnicas de detección e eliminación de ameazas. Estas técnicas exemplificaranse con casos de estudo prácticos.
A actividade vai dirixida a estudantes de FP (módulo superior), estudantes de cursos de especialización, e estudantes de grados e mestrados universitarios en estudos afíns ás Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (as TIC). Será en modalidade presencial, e tamén require dunha inscrición previa e asistir con un portátil persoal. Celebrarase en tres sedes distintas á vez, no Edificio Fontán en Santiago de Compostela, na Universidade da Coruña e na Universidade de Vigo. Para cada unha delas, o aforo máximo deste taller é de 20 persoas, e tamén serán asignadas as prazas por orde de inscrición.

PUBLICIDADE