O Energy T5250 grava as emisións da TDT en memorias USB

martes, 10 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Coma outros fabricantes de electrónica de consumo, Energy Sistem tamén decidiu adaptar os seus receptores de TDT de baixo prezo para funcións de gravación, de xeito que o Energy T5250 inclúe un porto USB no que podemos conectar unha memoria USB ou un disco duro externo para gravar os contidos televisivos sen perda de calidade para logo poder velos dende a comodidade do sofá ou copialos a un ordenador (función que habitualmente non é posible con gravadores baseados en disco duro interno).
O Energy T5250 tamén aproveita o seu porto USB para cargar fotografías en JPG, BMP e GIF ou vídeos en DivX e XviD que teñen audio en MP3 e WMA (non sendo compatible con son AC-3). Tamén conta con 2 euroconectores, saída de audio coaxial S/PDIF, guía de programación electrónica (EPG) e soporte para teletexto e subtítulos. Todo isto por un prezo de venda ao público recomendado de só 39,90 euros.

PUBLICIDADE