O Festival de Documentais de Tui recibe 5.613 documentais de 55 países

luns, 11 de decembro do 2006 Raquel Noya

Do vindeiro 21 ó 25 de marzo do 2007 terá lugar en Tui o Festival Internacional de Documentais, máis coñecido como Play-Doc e que celebra xa a súa terceira edición e conta polo de agora con 513 películas procedentes de 55 países de todo o mundo, unha cifra nunca acadada até o momento que pon de relevo a magnífica acollida deste festival alén das nosas fronteiras, segundo a organización do certame.
A maior participación é a de España, con 143 películas, seguida de Francia, Alemaña e Portugal con 31 e Países Baixos e República Checa con 22. Outros países como Estados Unidos, Brasil, Bélxica ou Canadá son tamén dos que máis películas levan ó evento, no que tampouco falta a participación de Kosovo, Finlandia, Cuba ou Romanía, entre outros.
Cómpre salientar nesta edición a gran presenza de producións galegas: até 33 documentais procedentes da nosa terra presentáronse a esta convocatoria que pechou o seu prazo de inscrición o pasado 15 de novembro.
Ó cabo do proceso de preselección, arredor dunha trintena de películas serán as que constitúan a programación final do festival, que un ano máis contará cunha sección oficial do concurso e cunha sección informativa, así como cunha serie de eventos paralelos como obradoiros, exposicións e música en directo.

PUBLICIDADE