O Fire TV Cube leva as videoconferencias ao televisor

xoves, 3 de decembro do 2020 Marcus Fernández

Hai un par de meses chegou a España o Fire TV Cube, un dispositivo baseado en Android que permite dotar a un televisor de capacidades de Smart TV, á vez que potencia o uso do asistente de voz de Amazon tanto para o control multimedia como para manexar a electrónica do fogar. Pero este dispositivo está a ampliar as súas posibilidades dun xeito que resulta un tanto sorprendente, xa que percorre un camiño que outros fabricantes abandonaron hai anos: a videoconferencia no televisor.
O Fire TV Cube está a recibir a opción de realizar videoconferencias de Alexa, ou sexa, que facilita a comunicación en vídeo con smartphones, tabletas e dispositivos Echo con cámara (como os Echo Show) para o que chega con conectar unha webcam USB que soporte o estándar UVC como as Logitech C920/C922x/C310, a Aukey PC-LM1E ou a Wansview 101JD (para as que é preciso utilizar un adaptador de USB a micro USB) e activar a función de chamadas dende a aplicación móbil de Alexa.
Deste xeito, cando queiramos facer unha videoconferencia, chegará con pedirlle a Alexa que chame a un dos nosos contactos, e cando recibamos unha chamada tamén chegará con dicirlle a Alexa que responda, de xeito que así podemos establecer unha comunicación que comezará co vídeo desactivado (para protexer a nosa intimidade) podendo activarse a imaxe dende o mando a distancia do Fire TV Cube ou mediante unha orde de voz.
Esta funcionalidade está claramente orientada á situación sanitaria actual, para facilitar a comunicación con amigos e familiares sen ter que estar durante longos períodos de tempo suxeitando o móbil na man, e podendo realizar a comunicación dende o salón doméstico.
Curiosamente hai unha década moitos fabricantes comezaron a integrar Skype nos seus televisores, pero finalmente Microsoft retirou o Skype dos televisores ante a falta de uso. Será curioso ver se agora as compañías volven ver con interese a realización de videoconferencias dende o televisor.

Así funcionan as videoconferencias co Fire TV Cube de Amazon

PUBLICIDADE