O Foro Culturgal será este ano un lugar de encontro privilexiado para as TIC galegas

mércores, 23 de novembro do 2011 Raquel Noya

A plataforma de distribución de contidos dixitais Contoplanet estará presente no Culturgal

A feira das industrias culturais, Culturgal, da que falamos estes días en Código Cero pola súa importante contribución ao labor de promoción da nosa cultura, da nosa lingua, e tamén, como non, da nosa creatividade a través de novas canles, está a coller folgos para abrir as súas portas o vindeiro día 2 de decembro, a mesma data que os seareiros das novas tecnoloxías teñen de referencia nas súas axendas para asistir ao evento paralelo máis importante desta Feira, o Foro Culturgal, a celebrar os días 2 e 3 no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Neste espazo desenvolverase a meirande parte da reflexión sobre novas tecnoloxías que terá lugar na Feira, para o que se contará coa presenza do xornalista e escritor Juan Gómez Jurado, do compositor Carlos Jean ou do responsable de Verkami, Joan Sala, entre outros convidados, que achegarán a súa propia visión e experiencia persoal no eido da cultura en soportes dixitais.
Gómez Jurado, defensor entusiasta da vantaxe que supón para os autores a existencia de novas canles de distribución, dará un relatorio que leva por nome, A piratería non existe. 5 propostas para o crecemento dixital, onde falará sobre cómo monetizar o esforzo de edición e distribución de contidos a través de novos modelos, experimentando con economías de escala, valorando ao público, e intentando coñecer ao detalle ao novo cidadán dixital “para poder achegarse a el coas súas mesmas claves”, indica.
Nesta mesma liña, na de aproveitar as vantaxes da dixitalización de contidos para prosperar en negocios xa existentes, intervirán tamén Joan Sala, un dos responsables de Verkami; Carlos Jean, o galego creador do exitoso caso de branded content que uniu os seus pasos con Ballantines a través do Plan B; e os responsables de Redenasa.tv e da ferramenta Herzio.com, deseñada á medida dos grupos musicais que precisan xerar ingresos a través da web.
Porén nun evento no que se promove o desenvolvemento da nosa cultura a través de novas canles e novas ferramentas, non podían faltar os axentes verdadeiramente importantes do país, os que traballan arestora por darlle pulo á nosa cultura a través da Rede, tales como a plataforma para a venda de libros electrónicos galegos Elibro-galego, da Asociación Galega de Editores; a plataforma dixital de contidos, Contoplanet; ou o último traballo da galega Interacción, o videoxogo para tablets, A enrruga ó poder, que verá a luz en breve.
Este Foro Culturgal, alén de acoller relatorios, mesas redondas e debates propios dos foros sectoriais convencionais, pretende ser un espazo de intercambio de experiencias, ideas e coñecemento, polo que a organización apostará polos formatos máis dinámicos e participativos para a interacción entre axentes, a fin de permitir o establecemento de relacións multisectoriais que poidan desembocar en futuros proxectos e colaboracións.
O acceso a este Foro ten un custe de 100 euros. As persoas interesadas en participar deben solicitar a súa praza antes do día 25 de novembro a través do formulario que se achega en Ticketea.

PUBLICIDADE