O Foro Tecnolóxico de Emprego da UVigo xa conta con case dúas ducias de empresas participantes

venres, 17 de febreiro do 2017 Redacción

Xa comeza a facer ruído a nova edición (2017) do Foro Tecnolóxico de Emprego, ese encontro da Universidade onde os aspirantes a seren contratados por empresas TIC (galegas e estatais pero sobre todo galegas) sitúanse cara a cara cos seus potenciais empregadores, con todo o que isto implica de apertura de posibilidades. Segundo informa a UVigo, xa está confirma este ano a participación de dúas ducias de compañías tecnolóxicas. En total, trátase dun cumprido grupo de 22 empresas entre as que se atopan vellas coñecidas (o operador R, Deloitte ou Optare Solutions) e outras novas que se estrean, compartindo todas elas o interese por impulsar a empregabilidade entre a xente nova (e, ao mesmo tempo, tirar proveito dos talentos que están a piques de chegar ao mercado laboral).
Segundo informa a UVigo, sen ben a cifra é lixeiramente inferior á do ano pasado, tamén é certo que nas semanas previas ao desenvolvemento do foro experiméntase sempre unha importante suba de adhesións. O máis probábel, neste senso, é que se iguale a cifra de participantes de 2016. Por certo que detrás deste encontro atópase unha equipa de cen alumnas e alumnos das escolas de Enxeñería de Minas e Enerxía, Industrial e Telecomunicación, encargada/os de por en marcha a actividade, que se celebrará días 8, 9 e 10 de marzo. A iniciativa, que acada xa a súa décimo sétima edición, foi medrando (precisamente) grazas ao alumnado da Universidade de Vigo, que leva anos tirando proveito das posibilidades que se abren con este “escaparate”, como acaido para que as empresas sector tecnolóxico se presenten ante as persoas que poden chegar a formar parte das súas ringleiras nun futuro próximo.
O novo foro ten programado, entre outras cousas un ciclo de conferencias que se centrará na orientación laboral e outros temas de actualidade, mudando así a a temática escollida na edición anterior que facía fincapé no ámbito técnico. Entre as temáticas que terán continuidade sitúase o espazo de emprendemento iniciado hai dous anos “con notábel éxito”, en palabras dos organizadores, que explican que “a finalidade é seguir potenciando ás empresas novas, sobre todo as de carácter local ou as xurdidas dentro do propio ámbito universitario”. Tamén lembran que “como vén sendo habitual” os estudantes que “o desexen poderán deixar cadanseus currículos nas casetas habilitadas para as diferentes marcas”, algo que se poderá facer tamén vía online a través da páxina web do foro.

PUBLICIDADE