O GALAXY Trend actualízase cun modelo Plus

martes, 10 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Un dos móbiles estrelas no mercado actualmente é sen dúbida o GALAXY Trend de Samsung, por ofrecer a experiencia de uso dunha pantalla de 4 polgadas nun terminal con Android a un prezo asumible, e agora deciden reforzar o produto co novo Samsung GALAXY Trend Plus, que continúa a contar cunha pantalla de 4 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, 768 Mb de RAM e 4 Gb de almacenamento interno, pero eleva a velocidade do seu procesador de dobre núcleo ata os 1,2 GHz, mellora o soporte de tarxetas microSD (aceptando agora as de 64 Gb), incluíndo Bluetooth 4.0 e funcionando cunha versión máis actualizada de Android (a 4.2).
Temos así un smartphone de prestacións bastante aceptables, que posiblemente poderá atoparse en breve nas tendas a un prezo libre de entre 150 e 200 euros, satisfacendo especialmente as esixencias dun tipo de público ao que a meirande parte dos terminais de entrada resúltanlle incómodos por gozar de pantallas de pouco tamaño e definición (lembremos que o supervendas Samsung GALAXY Mini ten unha pantalla de só 3,14 polgadas cunha resolución de 320 x 240 píxeles).

PUBLICIDADE