O Goberno concede á UVigo máis dun millón de euros para nove proxectos tecnolóxicos

martes, 17 de xaneiro do 2023 Lucía Villaverde

A Axencia Estatal de Investigación (AEI) acaba de conceder á UVigo máis dun millón de euros (1.089.970) para a posta en marcha de nove proxectos tecnolóxicos de Proba de Concepto, traballos dirixidos a acelerar a transferencia de coñecemento e os resultados xerados en proxectos de investigación básica dentro do Plan Estatal de Investigación. A convocatoria contou cun total de 40 millóns de euros, financiados con fondos Next Generation EU, repartidos entre máis de 80 organismos de todas as comunidades.
“A Universidade de Vigo xa tiña unha forte traxectoria en transferencia do coñecemento e isto maniféstase no éxito acadado, tanto nesta como na pasada convocatoria”, explica a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación Belén Rubio, engadindo que a UVigo está “ben preparada e forte” para xogar un papel relevante á hora de abordar moitos dos retos da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentábel. Nesta liña, Rubio manifesta a intención do actual equipo de goberno de seguir reforzando a transferencia e potenciando os vínculos entre o sector público e o sector privado.
A maioría dos proxectos pertencen ao ámbito tecnolóxico e están liderados por investigadoras e investigadores do Cintecx, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da UVigo. Os profesores José Manuel Cruz e Ana Belén Moldes lideran un proxecto dirixido a validar os usos potenciais de bisurfactantes obtidos de licores de lavado de millo como biopesticida e conservante na industria agroalimentaria.
No Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, a profesora Belén Riveiro lidera un proxecto dirixido á creación dunha ferramenta que permita vixiar de xeito seguro e preciso a saúde de estruturas europeas históricas en servizo. Doutra banca, o proxecto Software multi-capa dos profesores Pedro Arias e Joaquín Martínez busca o procesamento en liña de datos lidar enfocado á monitoraxe do transporte,
O Grupo de Tecnoloxía Enerxética conta cun proxecto liderado polos profesores Pablo Eguía e Enrique Granada dirixido ao desenvolvemento de dispositivos intelixentes de modelado e optimización enerxética de edificios. A súa segunda proposta, dirixida polos profesores Jacobo Porteiro e David Patiño, busca o desenvolvemento dun filtro electrostático autorrexenerativo para a redución da emisión de partículas na combustión doméstica de biomasa.
A maiores, tamén se concedeu unha axuda a un subproxecto dun traballo liderado desde a Universidade de Santiago de Compostela, co obxectivo de estudar e construír un prototipo funcional de miniescáner para estudos preclínicos.
O centro AtlantTIC, Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, buscará o desenvolvemento dunha aplicación da tradución da lingua de signos en contornas de saúde cun proxecto dirixido polo profesor José Luis Alba.
Por último, o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación conta cun proxecto liderado pola profesora María Luisa Rúa cuxo obxectivo é buscar o escalado e valorización comercial dun proxecto anterior dirixido á xeración encimática e eficiente a partir da palla do trigo de xilooligosacáridos de distintos pesos moleculares e propiedades funcionais e tecnolóxicas para a súa reincorporación final como ingredientes alimentarios. Por outro lado, a profesora Nuria Pedrol coordina un traballo destinado ao ecoherbicida Biollets para completar o seu proceso de transferencia.

PUBLICIDADE