O Goberno levará a banda larga de ultima xeración a 138 vivendas e empresas de Mañón
martes, 9 de agosto do 2022
O
concello do Mañón, un dos 278 municipios de Galicia beneficiados da
primeira convocatoria do Programa de Universalización de
Infraestruturas Dixitais para a Cohesión Único – Banda Larga, vai
recibir um impulso importante do Goberno en materia de cobertura.
Neste territorio a empresa adxudicataria do programa deberá executar
26 proxectos para levar Internet ultrarrápida, de última xeración,
ata 138 vivendas e empresas. Así
o deu a coñecer este 9 de agosto a subdelegada do Goberno na Coruña,
María Rivas, durante unha visita á Biblioteca Municipal do
Barqueiro, no concello de Mañón, onde destacou o labor deste
centro para fomentar á lectura entre toda a veciñanza e situar a
cultura como un importante motor de recuperación.
Rivas
tivo este martes 9 a oportunidade de coñecer as instalacións da
biblioteca galardoada na XXII edición dos Premios María Moliner
acompañada polo alcalde do municipio, Alfredo Dovale, a responsábel
do dito servizo, Begoña López, e outros representantes da
Corporación municipal. “A Biblioteca de Mañón, como amosa este
premio, é un exemplo de como debemos traballar para promocionar a
lectura e a formación. Un exemplo que tamén vemos noutros concellos
premiados este ano como Ares, Ortigueira e Oleiros, e que animo a
imitar a todos os municipios da nosa provincia”, subliñou Rivas.
Estes
galardóns premian con 2.777 euros a cada unha das 370 propostas
seleccionadas de bibliotecas de municipios de menos de 50.000
habitantes de toda España. Recoñecen aos mellores proxectos de
animación á lectura dirixidos a toda a veciñanza, especialmente a
colectivos con dificultades para o acceso á lectura. As 370
bibliotecas dos municipios seleccionados, dun total de 547 proxectos
presentados, destinarán a contía dos premios principalmente a
compra de libros e publicacións periódicas co fin de ampliar o seu
catálogo.
A
Biblioteca Municipal do Barqueiro foi recoñecida polo Ministerio de
Cultura grazas ao seu proxecto De Caión a Mogor, no curso do río
Sor, orientado a achegar os seus servizos a a persoas de todas as
idades e promocionar a lectura, a formación e a cultura no Concello.
A iniciativa incluíu, entre outras actividades, obras de teatro,
contacontos, clubs de lectura, exposicións bibliográficas e
obradoiros.