O Grupo Euskaltel conseguiu 11.300 novos clientes no segundo trimestre de ano

xoves, 23 de xullo do 2020 S. P.

Euskaltel presentou o balance da actividade do grupo de telecomunicacións, do que forma parte a galega R, durante o segundo trimestre do ano. Entre os datos máis destacados figura o relativo á súa capacidade para “facer mercado”, que guindou cifras récord en medre de clientes (11.300 novos), en rendibilidade e máis en beneficio neto (que aumento un 50%). Os ingresos subiron por terceiro trimestre consecutivo sobre o ano anterior, concretamente nun 0,3 sobre o mesmo trimestre de 2019, situándose nos 171,6 millóns de euros.
Polo que respecta ao negocio tradicional, acadou unha rendibilidade récord ao lograr os 92 millóns de euros de EBITDA no trimestre, co que a compañía concatena catro trimestres consecutivos de aumento de EBITDA, cunha marxe sobre ingresos do 51 %.
Amais, o Grupo Euskaltel acadou no segundo trimestre de 2020 un beneficio neto de 16,4 millóns de euros, fronte aos 11 millóns do segundo trimestre do exercicio anterior, un crecemento do 50 % ano contra ano. A 30 de xuño de 2020, o beneficio neto do semestre foi de 35,5 millóns de euros, fronte aos 22,9 millóns do primeiro semestre do ano pasado, un 55 % máis.
Polo que respecta ao medre na cifra de clientes, conseguíronse 11.300 novos usuarios, dos cales 4.800 proceden dos mercados tradicionais do grupo, e 6.500 de Virgin telco, que se centra no eido estatal.
No que atinxe aos servizos contratados no segmento residencial, incrementáronse en 40.000 con respecto á mesma data do exercicio anterior. Amais, os produtos e servizos de alto valor contratados nos fogares ascenden xa a 2,9 millóns.
En cuestión de cobertura estatal chegouse a preto de 19 millóns de fogares, o que, xunto co lanzamento de Virgin, “supón multiplicar por oito as oportunidades de crecemento”, informou o grupo no seu informe.

PUBLICIDADE