O Grupo de Visión Artificial do CITIC obtivo unha patente nos EE.UU.

martes, 15 de xaneiro do 2013 Redacción

Neste proxecto desenvolveron software que realiza o cálculo automático do índice arterio-venoso a partir de imaxes de fondo de ollo

O Grupo de Investigación en Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns (VARPA) do Centro de Investigación TIC (CITIC) impulsado pola Universidade da Coruña obtivo unha patente en Estados Unidos baseada nas súas investigacións no proxecto SIRIUS, encabezado polo profesor Manuel González Penedo e no que participan os investigadores Marcos Ortega Hortas, José Rouco Maseda, Jorge Novo Buján, Beatriz Remeseiro López, Marta Penas Centeno e Noelia Barreira Rodríguez. A través deste proxecto abórdase o estudo da micro circulación retiniana e o desenvolvemento dun software que realice o cálculo automático do índice arterio-venoso a partir de imaxes de fondo de ollo.

O profesor Manuel González Penedo, coordinador do Centro de Investigación TIC

En concreto, o índice arterio-venoso é a relación entre o calibre de veas e arterias na retina, un indicador usado frecuentemente como valor prognóstico no ámbito médico. Mediante os estudos do grupo VARPA automatízase a análise deste parámetro, algo inabordable de conseguir dende un punto de vista manual, o que supón un salto cualitativo para os especialistas clínicos.
O proxecto SIRIUS é de grande importancia para a comunidade médica xa que diversos estudos médicos estableceron a relación entre a micro circulación retiniana e outras patoloxías xerais, como a hipertensión, a diabetes ou o alzhéimer. A retina é a única parte do organismo na que a estrutura vascular e a circulación sanguínea son observables en vivo.

O grupo de investigación VARPA do CITIC conseguiu traducir o seu traballo nunha patente en EE.UU.

PUBLICIDADE