O HP Sprout Pro busca un espazo nas aulas

mércores, 20 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

En 2014 HP sorprendeu ao mundo presentando o seu ordenador todo-en-un Sprout, que integraba un escáner 3D e un proxecto, abrindo numerosas posibilidades a creativos de todo o mundo, e que agora está a reformularse no HP Sprout Pro, equipo que chegará ao mercado o mes que vén a un prezo de 2.199 dólares e suporá unha actualización do equipo para contar con procesadores de nova xeración (Intel Core i7 Skylake e gráfica tamén mellorada) e que persegue desta volta a súa introdución nas aulas, xa que consideran que as tecnoloxías integradas neste impresionante equipo poden resultar moi prácticas para a docencia.
HP incorporará ao novo Sprout Pro unha serie de aplicacións informáticas que facilitan o seu uso para grupos de usuarios, facilitando poder compartir a imaxe do escáner, a webcam ou a pantalla (para que poida vela a aula enteira), permite enviar capturas bidimensionais a través da versión profesional de Skype e incluso conta con ferramentas para converter a cámara frontal nun escáner de documentos con función de lupa.
Cómpre destacar que este equipo tamén resulta moi práctico para espazos Maker, xa que o escáner 3D axiliza a creación de modelos que logo converter en obxectos reais a través dunha impresora 3D. Toda unha serie de posibilidades que até hai pouco considerariamos propias dun filme de ciencia ficción.

O HP Sprout Pro está adaptado para o uso nas aulas

PUBLICIDADE