O HTC Bliss podería ser o primeiro móbil con Android pensado para mulleres

martes, 10 de maio do 2011 Marcus Fernández

O charm indicator pode facilitar non perder unha chamada ou mensaxe mentres o móbil está dentro do bolso

Están a xurdir rumores sobre o móbil HTC Bliss, que chegaría en breve ao mercado norteamericano da man de Verizon, e que sería o primeiro terminal con Android enfocado a un público feminino, de aí que conte cunha carcasa de ton verde que pretende transmitir unha sensación de calma, un recubrimento de goma para facilitar o agarre, un cargador sen fíos con altofalantes ou un auricular Bluetooth e un charm indicator (unha pequena figura cúbica que podería levarse colgada do bolso e que se iluminaría ao recibir unha mensaxe de texto ou chamada) e software precargado como un comparador de prezos en liña ou un contador de calorías, así como un bo número de fondos de pantalla.
Non parece que esteamos ante un terminal con innovacións tecnolóxicas, pero o certo é que o sexismo na electrónica de consumo parece funcionar ben comercialmente, polo que dá a impresión de que o HTC Bliss será unha realidade en breve (aínda que o seu nome poida diferir en distintos mercados).

Imaxe conceptual do que podería ser o HTC Bliss

PUBLICIDADE