O HTC Bolt presume de velocidade

venres, 11 de novembro do 2016 Marcus Fernández

HTC vén de lanzar no mercado norteamericano, en exclusiva co operador Sprint, un smartphone que sorprende bastante por adoptar unha marca tan asociada á súa campaña promocional, polo que entendemos que a súa variante europea levará outro nome. Falamos do novo HTC Bolt, teléfono que rouba o apelido a Usain Bolt, o home máis rápido, para deixar claro que estamos ante o terminal máis rápido dentro da rede de Sprint, xa que, ao integrar un modem LTE Qualcomm Snapdragon X10 pode conseguir descargas de até 450 Mbps e velocidades de subida de até 50 Mbps.
O HTC Bolt comezará a distribuírse o vindeiro luns a un prezo de 600 dólares, e non só destaca por tirar proveito do LTE+, senón que tamén atrévese a prescindir da toma de auriculares para incluír auriculares USB-C, presume de bo son grazas á tecnoloxía de audio adaptable HTC BoomSound, presenta un corpo metálico resistente ao po e á auga (IP57), a súa batería de 3.200 mAh con carga rápida promete autonomía dabondo para todo o día, a súa pantalla Quad HD de 5,5 polgadas destaca por contar de protección Corning Gorilla Glass, a súa cámara traseira de 16 Mpíxeles e apertura f/2.0 ten estabilización óptica de imaxe, a cámara traseira presenta uns xenerosos 8 Mpíxeles, goza de Wi-Fi AC, Bluetooth 4.1 e NFC, e tampouco esquece un lector de pegadas dixitais que identifica ao usuario en só 0,2 segundos.
Un produto co que HTC esfórzase para facerse un oco no mercado, o que está a resultarlle moi complicado nos últimos tempos, xa que non consegue colocar os seus móbiles insignia como referentes do mercado (como fixera nos primeiros anos de Android).

Anuncio do HTC Bolt no que destacan a velocidade do novo smartphone exclusivo de Sprint nos EE.UU.

PUBLICIDADE